Anuncios
Ticker de novas

A Carta de Cristóbal Colón en Baiona, vista polo seu descendente

No marco da efeméride da arribada da carabela Pinta á vila de Baiona en 1493, primeiro lugar de Europa onde se coñeceu a noticia do Descubrimento, este venres 10 de agosto ás 20:30 horas presentarase “La Carta de Colón anunciando el Descubrimiento del Nuevo Mundo”. Trátase dunha reprodución facsímile do “documento máis importante da historia da humanidade, debido á transcendencia do feito histórico que afectou ao devir de todos os habitantes do planeta Terra”, segundo palabras do duque de Veragua e autor dos textos de estudo da edición conmemorativa.

Tras a presentación, que terá lugar na Casa da Navegación (Rúa Ventura Misa, 17), Cristóbal Colón XX, actual descendente directo do Almirante e autor do estudo histórico e transcrición anotada, ditará a conferencia “La Vida a bordo de la Carabela Pinta”.

“La Carta de Colón anunciando el Descubrimiento del Nuevo Mundo” é unha singular e simbólica edición na que se reproduce, en moi fiel edición facsímile, aquela que se estampara en Barcelona en 1914. Foi composta polo tipógrafo Eudald Canibell nos talleres da Académica de Serra hermanos y Russell. Con iso tamén se rende homenaxe ao taller de Pere Pousa, que en 1493 imprimiuna por primeira vez na Cidade de Barcelona, e da que unicamente se conserva un exemplar na Biblioteca Pública de Nova York.

Nun breve texto de catro páxinas o descubridor plasmou na Carta a descrición das terras e das xentes que atopou alén do océano Atlántico, nun relato orixinal, áxil e ameno. O texto impreso foi o mesmo daquelas cartas, iguais entre si, que o navegante enviara poucos días antes a Luis de Santángel e a Gabriel Sánchez, funcionarios de alto rango do reino de Aragón e que servían aos monarcas na Corte Real. O seu contido inspirábase na misiva que o descubridor dirixira aos Reis Católicos. O motivo desta presentación en Galicia é debido a que coa arribada da carabela Pinta, a poboación de Baiona a Real tivo a primicia da noticia do Descubrimento. Desde entón, a provincia de Pontevedra mantivo vivo o interese polo estudo da figura e a xesta de Cristóbal Colón.

Tras 525 anos da primeira edición, Taberna Libraria, editorial especializada na recuperación e divulgación de códices e manuscritos, presenta unha reprodución facsimilar da Carta publicada en Barcelona, 1914, que inclúe o estudo histórico e transcrición anotada a cargo de Cristóbal Colón XX. Os 525 exemplares da tirada levan a rúbrica e certificación do descendente de Colón. O documento facsímile, en formato monumental, foi impreso en trama estocástica con estampaxe de ouro e prata sobre símil pergamiño. A composición dos textos de estudo realizouse en base aos tipos de E. Canibell. A obra preséntase nun cartafol de madeira forrada en tea italiana azul con estampaxe de prata e cores no plano, que inclúe o estudo histórico e acompáñase dun retrato de Colón, reprodución a escala do gravado custodiado na Biblioteca do Congreso dos EEUU. A edición foi recoñecida co 2º Premio Nacional ao Mellor Libro Editado, recentemente outorgado polo Ministerio de Cultura.

Anuncios