Nigrán reclama á Xunta transporte ás parroquias, á Universidade e ao Cunqueiro

O alcalde de Nigrán, Juan González, asistiu en Pontevedra a unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade para analizar o servizo de transporte público no municipio, xestionado dende ATSA e actualmente en revisión ante a reordenación de todas as liñas en Galicia prevista pola Xunta para inicios de 2020. Por este motivo, a administración autonómica está mantendo unha rolda de contactos con todos os concellos para detectar as principais necesidades.

Neste encontro para analizar o caso concreto de Nigrán o rexedor trasladou dúas necesidades básicas que deberían contemplar o novo Plan de Transportes: no caso do extrarradio conexión directa co Hospital Álvaro Cunqueiro e a Universidade de Vigo e, dentro do propio municipio, a importancia de que exista conexión entre as parroquias e o núcleo urbano de Nigrán, ademais dunha liña que atravese o Parque Empresarial Porto do Molle e outra que traslade aos veciños directamente aos centros de saúde (Panxón e Xunqueira).

«Esta reordenación de liñas prevista para 2020 ante o fin das concesións é unha oportunidade de mellorar o transporte existente. Dende Nigrán expoñemos demandas de sentido común e de auténtica necesidade. Non pode ser que un veciño non teña xeito de ir mediante transporte público ao seu centro de saúde ou á Universidade e, moito menos, que non teña forma de chegar ao núcleo de Nigrán. Por outra banda, Porto do Molle acolle actualmente a máis de 3.000 traballadores nun parque empresarial que ten por bandeira a sustentabilidade e ao que, pola contra, só se pode acceder mediante vehículo privado, é algo que o novo Plan de Transportes ten que contemplar», explica González, quen engade que dende a Xunta xa lle avanzaron a posibilidade de aproveitar o transporte escolar para determinadas conexións dentro do municipio, como podería ser acudir ao centro de saúde.