Anuncios
Ticker de novas

“Sabía que os semáforos ían funcionar, pero non pensaba que o resultado ía ser tan bo”

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata a vila de Baiona para comprobar a “notable mellora” que supuxo a intervención da Axencia Galega de Infraestruturas na rúa Elduayen en canto á reordenación do tráfico. Destacou así a constatable fluidez da circulación nunha zona onde “as retencións na temporada estival eran importantes”.

A nova glorieta executada pola Consellería de Infraestruturas, que favorece as entradas e as saídas ás instalacións da lonxa e do porto deportivo desde a PO-552, xunto á renovada rede semafórica non só supón un cambio visible na fisionomía do municipio, segundo acentuou o representante autonómico, senón que incrementa a seguridade viaria e facilita a mobilidade nesta contorna.

Na visita, o delegado estivo acompañado polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e concelleiros do seu goberno. “Eu como alcalde sabía que ían funcionar, pero sinceramente non pensaba que o resultado ía ser tan bo”, afirmou o rexedor, que recordou que hai distintas programacións dispoñibles. “Agora están ata as 2 da madrugada e no inverno previsiblemente estarán en ámbar excepto os sábados e domingos”.

Rodal destacou ademais que “coas festas do Carme ou as da Anunciada comprobamos que non houbo ningún tipo de atasco”. Coa instalación da rede semafórica tampouco é necesaria a presenza de axentes da Policía Local nos pasos de peóns. “Mesmo empeza a haber peticións da xente para que se instalen máis, por exemplo en Santa marta”, sinalou Rodal, que considera que non é necesario.

Tras máis de 30 anos sen semáforos, para o alcalde de Baiona “solucionouse un problema que tiñamos desde hai moitos anos”.

Anuncios