Anuncios
Ticker de novas

O baionés Julio Vilas regresa ao Amfiv

FOTO: CD AMFIV // Julio Vilas.

Despois de concretar a continuidade de César Iglesias e Pablo Alonso como corpo técnico para a campaña 2018-2019, o Amfiv continúa dando pasos para afrontar esa nova tempada. O seguinte e máis lóxico pasaba por concretar a renovación da columna vertebral dun club que historicamente se apoiou na súa estrutura de xogadores locais, os da casa, para asegurar a súa supervivencia e como parte fundamental da súa filosofía. Por iso, antes de emprender outras accións, a directiva encabezada por José Antonio Beiro quixo pechar a continuidade de Lorenzo Envó e Julio Vilas á vez que trata de convencer a Santi Comesaña para que aprace outra campaña máis a súa decisión de colgar a cadeira.

“Para nós é un orgullo anunciar que tanto Lorenzo como Julio van seguir no equipo. Con Santi estamos a falar aínda porque a nosa idea é que siga axudándonos como xogador aínda que xa desde a tempada anterior a súa idea era retirarse. Pero se finalmente el non quere, buscaremos a posibilidade de que siga vinculado ao club dalgunha maneira”, explica o presidente do Amfiv, quen engade que “por Lorenzo parece que non pasan os anos. Leva moitísimas tempadas rendendo ao máximo nivel e esperemos que continúe sendo unha peza crave para nós”.

Un pouco máis complicada é a situación de Julio Vilas, que se perdeu toda a campaña anterior para liquidar unhas molestias que lle impedían render ao máximo nivel nas últimas tempadas. “Volve despois dun ano parado e está con moitas gañas pero haberá que ver como evoluciona da lesión e se está totalmente recuperado”, apunta José Antonio Beiro.

Unhas palabras que confirma o propio xogador de Sabarís. “Imos ver o que sucede en setembro. A miña idea é volver xogar pero algunha molestia aínda hai. Os médicos dixéronme que o tempo mínimo para unha recuperación total é dun ano así que estamos dentro dos prazos previstos”, comenta Julio Vilas, quen destaca que “a miña intención é probar e ver como van as cousas. Se non sucede nada raro, esta tempada poderei estar co equipo. Teño xa moitas ganas porque a campaña pasada foi bastante difícil ver que o equipo estaba moi xusto de xente e non poder axudar, non poder estar aí con eles”.

Por iso, Vilas ten un obxectivo claro para este regreso ás pistas. “Pasalo ben e sen dor, non como estes últimos anos. Está claro que terei que ir collendo a forma aos poucos despois de tanto tempo parado pero confío en poder achegar ao equipo e axudar a tentar repetir os éxitos do ano pasado e, se é posible, superalos”, sinala.

Anuncios