Anuncios
Ticker de novas

Detido un mozo veciño de Gondomar tras agredir aos camareiros dunha cafetería de Vigo

A Policía Local de Vigo detivo este domingo a O.P.G., un home de 32 anos de idade natural da cidade e veciño de Gondomar, por agredir aos camareiros dunha cafetería. Os feitos producíronse ás 17:45 horas, cando os axentes trasladáronse comisionados pola Central de Información e Mando (CIMa) a un establecemento da Avda. Emilio Martínez Garrido, onde ao parecer un cliente estaba a agredir aos camareiros.

Ao chegar ao lugar, os Policías comprobaron como tres persoas tentaban inmobilizar a un home que estaba no chan, gritando e moi agresivo. Os Policías tentaron acougalo e identificalo, comezando o mozo a insultalos e ameazalos de morte, á vez que tentaba agredilos. Segundo os camareiros, dúas mulleres e un home, entrara na cafetería moi alterado, e precisamente polo seu estado non querían servirlle.

Ante esta negativa, o home accedeu ao interior da barra agredindo ás dúas camareiras, tendo que interceder o outro camareiro. Finalmente conseguiron inmobilizalo ata a chegada da Policía, que contempla que o agresor podería atoparse baixo os efectos dalgunha substancia. Os axentes trasladárono en primeira instancia a un centro asistencial, onde continuou cos intentos de agresión aos Policías.

Posteriormente, mentres se instruían dilixencias tras a súa detención, continuou proferindo ameazas de morte contra o persoal da cafetería onde ocorreron os feitos.

Anuncios