Amistades Peligrosas, Blas Cantó e Orquesta Mondragón, este domingo en Baiona

As Festas da Anunciada achegaranse este domingo ao seu final cos concertos en directo de Amistades Peligrosas, dúo formado por Cristina del Valle e o baionés Marcos Rodríguez, Blas Cantó e a Orquesta Mondragón. Será a partir das 22:00 horas no Parque da Palma.

O pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados pola charanga “Nova Cubana” abrirá a xornada ás 11:30 horas. Ás 12:00 do mediodía haberá un pasarrúas da Escola de Danza Vila de Baiona, do grupo de pandereteiras “Monte Boi” e do grupo de gaitas “A Seneira” ata o Parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.

Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:30 horas, os Xardíns da Casa da Navegación acollerán o espectáculo de destrezas circenses e acrobacias H2OLGA “Unha substancia circense”, a cargo de Amontonados por Azar.

O luns 6 ás 11:00 da mañá celebrarase a Misa de “San Telmo” polos mariñeiros falecidos na Igrexa de Santa María de Baiona, e pola noite, ás 23:00 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto de Gustavo Almeida e Banda.

Anuncios