Nigrán acolle mañá a terceira xornada da liga freestyle cos dez mellores rapeiros nacionais

Os mellores rapeiros nacionais, Chuty, Skone, Arkano, Blon, Walls, Force, Bta, Zasko, Hander y Errecé estarán mañá sábado 4 de agosto disputando dende as 18:45 horas no torreiro de Priegue (Nigrán) a terceira xornada da Freestyle Master Series 2018/19, a liga profesional de freestyle e para a que se agardan máis de 1.300 asistentes. A primeira xornada foi en Barcelona, a segunda en Alacante e agora veñen a Nigrán. Estes dez campións miden as súas habilidades en 9 xornadas que se celebran ao longo deste ano en diferentes cidades de España.

«A organización púxose en contacto co Concello de Nigrán porque necesitaba un espazo urxentemente e nos abrímoslle as portas porque consideramos que é un evento de gran calidade, moi diferente a todo o que tiñamos xa na programación de agosto, e que arrastra a un público moi entusiasta», indica o alcalde, Juan González.

Ata agora, non existía ningunha liga que englobase todas as competicións de rap como BDM, Red Bull ou Gold Battle. The Urban Roosters, xunto coa Freestyle Rap Federation (F.R.F) revolucionou o sector dando forma a un circuíto de campionatos no que existe unha elite profesional e onde todos os demais freestylers teñan a oportunidade de ascender grazas ao seu traballo e esforzo. Con esta iniciativa preténdese dar un paso máis cara á profesionalización do freestyle. As competicións de Rap teñen cada vez máis público e enchen salas de concertos e eventos. Os participantes convertéronse en deportistas que demostran as súas habilidades e merecen ser tratados como os protagonistas doutros deportes.