Camos acolle este fin de semana a IV Copa de España e o Torneo Nacional de Bolo Celta

Durante os días 4 e 5 de agosto celebrarase en Camos (Nigrán) a IV Copa España de bolos celta por equipos, na que a inscrición superará as 30 tripletas chegadas de Galicia, Asturias e Madrid. A primeira fase dará comezo ás 10:00 da mañá do sábado e rematará arredor das 23:00 horas. As finais xogaranse o domingo a partires das 9:00 da mañá para finalizar sobre as 13:00 horas coa entrega de trofeos aos xogadores/as e equipos participantes.

Paralelamente a esta Copa tamén se celebrará un Torneo Nacional de Bolo Celta organizado polo Club de Bolos Camos e o Concello de Nigrán no campo de Barreiros, un evento que suma máis de 25 anos de antigüidade. Participarán os 24 clubs da comarca e un de Madrid, tres de Asturias, tres de Ourense, un de Lugo e un de A Coruña, sumando máis de 120 xogadores agrupados en tripletas e dende a categoría sénior ata cadete. O torneo arranca o sábado ás 10:00 da mañá para finalizar ás 22:00 horas aproximadamente e o domingo de 9:30 a 13:30, cando está prevista a entrega de trofeos. O ano pasado proclamouse campión un equipo de Cangas de Narcea. Todos os xogadores reuniranse hoxe nunha cea de confraternización.