Anuncios
Ticker de novas

Baiona repite como líder en recepción de embarcacións en tránsito durante o primeiro semestre do ano

O municipio de Baiona situouse un ano máis como líder do conxunto da comunidade autónoma na recepción de embarcacións en tránsito durante o primeiro semestre do ano. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións do Monte Real Club de Iates, unha das dúas dársenas náutico recreativas do municipio.

Durán Hermida explicou que entre o Monte Real Club de Iates e o Porto Deportivo de Baiona recibíronse no municipio un total de 404 embarcacións en tránsito entre os meses de xaneiro e xuño. Esta cifra supón un crecemento neto interanual de 54 barcos, o que supón en termos porcentuais unha suba do 15% respecto ao mesmo período do ano anterior.

Tendo en conta as estimacións coas que traballa o sector, que fixan o volume de negocio que xeran estas embarcacións nuns 50 euros por pernocta e a media que establece a Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) de 1,5 pernoctas por tránsito, durante o primeiro semestre do ano o retorno económico para o municipio de Baiona derivado dos tránsitos recibidos foi de máis de 120.000 euros, entre os sectores auxiliares da náutica e os servizos xerais da vila.

Deste xeito, o municipio de Baiona como o conxunto das Rías Baixas, confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia superou entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño os 2.547 tránsitos, un 9% máis que o ano pasado.

Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico senón no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional.

Anuncios