Nigrán abre o prazo para solicitar axudas á compra de libros de texto e material escolar

O Concello de Nigrán abre o prazo ata o día 23 de agosto para solicitar axudas municipais á adquisición de libros de texto ou material escolar no curso 2018/19 (publicado no BOP número 147 do 1 de agosto). Coma en anos anteriores, a contía máxima é de 65 euros por cada neno e mantense o requisito indispensable de que os beneficiarios sexan unidades familiares empadroadas no municipio e con fillos matriculados en centros públicos de Nigrán en Educación Infantil no curso 2018-2019.

O prazo para presentar as solicitudes é do 2 ao 23 de agosto (ambos os dous incluídos) mediante cita previa no teléfono 986 365 000 no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Nigrán.

Os beneficiarios deben estar ao corrente do pago das taxas e impostos municipais e non superar o límite de recursos establecido. A documentación para presentar será: fotocopias do libro de familia completo, DNI dos pais, en caso de separación ou divorcio, copia da sentenza ou convenio regulador, xustificante de ingresos de toda a unidade familiar do exercicio 2017, recibo de aluguer ou de préstamo hipotecario, vidas laborais para os maiores de 16 anos, etc.