Sin categoría

CABE continuará adiante coa denuncia ao alcalde polos supostos cobros indebidos

Ante a resolución da Fiscalía de arquivar a denuncia efectuada por Gondomar Concello Aberto sobre o cobro por parte do alcalde, Paco Ferreira, de dietas, quilometraxe, fondo social e fondo de pensións e as súas declaracións, Pauliño del Río quere manifestar o seguinte:

Primeiro.- Gondomar Concello Aberto continuará adiante coa a súa denuncia ante o Xulgado competente, xa que respectando a decisión da Fiscalía non estamos de acordo con ela.

Segundo.- En vez de poñerse en plan Rei Sol o Sr. Ferreira debería explicarlle á xente de Gondomar, se tan seguro estivo sempre do correcto e legal da súa actuación, o por que do seu radical cambio de comportamento antes e despois da denuncia.

Debería explicar porque pasou ao cobro e cobrou 30.000 km nun ano (de febreiro de 2017 a xaneiro de 2018) e dende a denuncia deste grupo, nestes seis meses pasou CERO quilómetros. A que vén este xiro copernicano se tan seguro estaba da súa actuación.

Terceiro.- Debería de explicar por que mentres Gondomar Concello Aberto estivo no goberno non cobrou dietas e quilometraxe dentro do concello nin fondo social e dende que el ostenta a responsabilidade das areas de Persoal, Economía e Facenda si o fai.

Cuarto.- Debería explicar porque, dende que CABE saíu do goberno, o Sr. Ferreira modificou o criterio do fondo de pensións pasando a cobrar moito máis que o resto do persoal do concello (50€ os traballadores, 1.250€ o Sr. Ferreira), cando antes cobraba o mesmo.

Quinto.- Debería explicar o Sr. Ferreira por que o coche mercado para o seu uso e que lle serviu de escusa para xustificar o inxustificable, faise cun informe dunha interventora accidental (ausencia da titular da praza) e cunha dilixencia para priorizar o seu pago por riba das demais facturas.

Debería de explicar aos provedores do Concello por que esta factura se pagou en tanto so cinco días e o resto das facturas teñen que esperar dous meses. Realizándose o pago o 26 de xuño, dous días antes da súa comparecencia ante a Fiscalía.

Sexto.- Debería explicar o Sr. Ferreira o por que da adxudicación a dedo de máis de 100.000 € a unha mesma empresa en proxectos de obra, deixando ao resto dos profesionais sen opción de optar a estes contratos.

“Gondomar Concello Aberto presentouse ante a cidadanía de Gondomar para facer unha política distinta, polo tanto sendo leais cos nosos principios éticos e políticos continuaremos adiante coa nosa denuncia. Evidentemente de nada temos que desculparnos diante do Sr. Ferreira”, conclúe Del Río.