Anuncios
Ticker de novas

Nigrán estrea durante o mes de agosto tres novos festivais de música

FOTO: JUAN PÉREZ FAJARDO // Loquillo en Las Ventas.

O Concello de Nigrán aposta na súa programación cultural e de ocio do mes de agosto pola incorporación de tres novos festivais de música e a continuidade dos eventos xa consolidados, como o Flota como Poidas (día 12) ou a baixada de carros de bólas de Camos (15). O gran abano de actividades, o seu atractivo e diversidade, dan unha continuidade sen transición ao que xa foi un inesquecible mes de xullo.

O mesmo día 1 Nigrán vivirá o seu festivo local, San Fiz, cunha festa organizada directamente polo Concello e que inclúe concerto a mediodía e verbena pola noite no Ceán. E será o venres 3 cando Nigrán estree no campo de fútbol de Lourido (Praia América) o seu novo festival máis potente do mes de agosto: Nigrán Season Fest. Este novo evento, asumido dende Elemental Street co apoio do Concello, nace despois da gran acollida que tivo o concerto da coral Stella Maris de Priegue en homenaxe a Pablo Milanés no ano 2017, ao que acudiron máis de 5.000 persoas. Season Fest arrancará co concerto de Café Quijano, o venres día 3, e Loquillo, o domingo día 5. O sábado 4 será o concerto-homenaxe que a Coral Stella Maris ofrecerá a Dyango, un dos maiores expoñentes da canción romántica en España e que estará presente tamén para interpretar o seu repertorio. A entrada para o concerto da coral e Dyango será  gratuíta, para o resto dos días pódese mercar na web do festival. O fin de semana seguinte, día 11, o Concello estrea “Chan de Folk”, outro novo festival en Chandebrito que precisamente se organiza coincidindo coa popular observación das perseidas na parroquia e que contará coa actuación de Xulio Lorenzo. E o mes de agosto aínda será testemuña do nacemento dun novo festival: Rock´n Patos o día 25 coa banda ferrolá Riff Raff, coñecida polas súas grandes versións de ACDC; e Kalambrazo, un dos grupos locais de rock máis recoñecidos. Este último festival farase coincidir cun dos eventos máis concorridos na praia de Patos: “Os patos surfean de noite”, onde os surfistas decoran as táboas e neoprenos con luces mentres surcan as ondas na escuridade. A oferta musical do Concello de Nigrán completarase o día 14 co concerto da orquestra sinfónica “Vigo 430” ao pé do Templo Votivo de Panxón.

“Os tres son festivais con vocación de permanencia e en situacións espectaculares que queremos descubrir á cidadanía e poñer en valor, como xa o acadamos co Nigranjazz na Foz, Solpor Monteferro ou Vive Nigrán en Praia América”, explica o alcalde, Juan González.

A maiores, a programación de agosto inclúe entre os seus pratos fortes o hilarante “Flota como Poidas”, que terá lugar o domingo 12 de agosto ás 17:30 horas ao carón da ponte da Ramallosa, no Río Miñor e esteiro de A Foz. O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. O Concello premiará novamente o artefacto flotante máis currado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao “Titanic” da edición. O prazo de inscrición está aberto ata o día 10, ben na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán en horario de 9:00 a 14:00 horas ou enchendo o formulario que se facilita na web e no Facebook do Concello e enviándoo a secretariap@nigran.org. O “Flota como Poidas” coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades de Ovalmi e tocará a Banda de Música de Vincios ás 20:00 horas. Tres días despois, o 15, terá lugar en Camos outro evento divertido e espectacular ao mesmo tempo: a baixada de carros de bólas na rúa San Roque, que nesta ocasión se estenderá durante todo o día. Na parroquia veciña de Parada repetirán o seu “Camiño do Terror” o 24 e 25, andaina que cada ano provoca gritos de pánico a miles de persoas no Montecastelo grazas as traballadísimas recreacións feitas polo C.C.R. Parada do Miñor. Ademais, tras o grandísimo éxito de afluencia do ano pasado, regresa do 17 ao 19 de agosto o Val Miñor Fest, evento dedicado á cervexa artesá e que levará os food-trucks e os concertos de novo ao paseo da Foz (Ramallosa).

No eido deportivo destaca, como cada agosto, a carreira Nigrán Area por Panxón e Praia América (os interesados en correr, federados ou non, poden inscribirse ata o 9 de agosto, ás 22:00 horas, na páxina da Federación Galega de Atletismo ou na Piscina Mancomunada). Ademais, mantéñense as clases de zumba en Patos e Praia América e o “Xoga na praia” para nenos. Para os pequenos tamén están os campus deportivos (vela, patinaxe e piragüismo).

Entre outros eventos destaca tamén o roteiro polo futuro parque forestal de Os Matos entre Camos e Chandebrito o 7 de agosto, os dous espectáculos de A Illa dos Nenos o 4 e 26 ou a exposición “Rompe, xoga en igualdade”, do 2 de agosto ao 21 de setembro no salón de plenos.

“Con esta oferta cultural e de ocio pechamos un verán sen precendentes en Nigrán, o ano pasado xa foi espectacular, pero este o é aínda máis porque engadimos novos festivais. En total son máis dun cento de actividades nas que pomos todo o noso esforzo e ilusión co obxectivo de que todos os públicos e todos os gustos atopen en Nigrán o seu mellor plan”, resume o alcalde, Juan González.

AXENDA DE ACTIVIDADES AGOSTO CONCELLO DE NIGRÁN

Anuncios