
A Asemblea Veciñal por un transporte público colectivo digno para Gondomar, denuncia publicamente que a Xunta de Galicia autorizou en abril deste ano o recorte de frecuencias nas liñas que comunican as parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso con Gondomar e Vigo, solicitado pola empresa hai máis de 3 anos, e non atende á nova petición feita pola empresa a primeiros deste ano, petición froito do consenso trala negociación coa veciñanza mobilizada.
Estas parroquias quedan sen varias frecuencias nas liñas, entre elas a das sete e a das oito da mañá, as máis necesarias para se desprazar aos seus postos de traballo, ás citas médicas e á realización de xestións bancarias, comerciais, etc..
A Coordinadora da Asemblea Veciñal polo transporte público de Gondomar, reunida onte luns 30 de xullo na parroquia de Peitieiros, mostra a indignación da veciñanza
– contra a Xunta de Galicia, por permitir deteriorar aínda máis o xa precario servizo de transporte colectivo no concello, e por, non conforme con iso, incrementar ademais o prezo dos billetes; e pola negativa reiterada a incorporar Gondomar no transporte metropolitano impedindo así que dispoñan dos descontos da tarxeta metropolitana;
– contra a empresa Melytour por ter, no seu día, solicitado os recortes nas liñas; e, na actualidade, por ter notificado con só dous días de antelación a efectivización do recorte, sen ter os usuarios tempo material para buscar alternativas para os seus desprazamentos;
– contra o goberno do concello de Gondomar, por non ter defendido suficientemente os intereses das veciñas e veciños usuarias do transporte colectivo.
Ante esta situación, a Coordinadora da Asemblea Veciñal en defensa do transporte vén de solicitar “unha entrevista co Alcalde para este xoves día 2 de agosto ás 10 da mañá, para tratar de buscar solucións no curto prazo ás persoas que nas parroquias quedan sen medio de transporte para ir a traballar.
Tamén convocan asemblea veciñal para o luns día 6 de agosto no Centro Neural de Gondomar (onde está a policía local), ás 20:00 horas, na que se acordarán as accións a desenvolver para dar resposta e solucións a un transporte colectivo cada vez máis precario. Fan pois un chamamento á asistencia a toda a veciñanza de Gondomar, porque a defensa deste servizo público é cousa de todas e de todos.