Anuncios
Ticker de novas

A Praia da Ribeira, escenario dunha campaña de prevención de afogamentos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia da Ribeira.

Bañarse acompañado, mollarse antes de entrar, respectar as indicacións dos socorristas, evitar a exposición prolongada ao sol e as comidas abundantes antes do baño son algunhas das recomendacións que nenos e maiores aprenderán este verán, grazas aos obradoiros de prevención e primeiros auxilios que esta semana impartirán expertos de Fundación MAPFRE e Bandeira Azul en Pontevedra.

A Praia da Ribeira, en Baiona o 2 e 3 de agosto será un dos escenarios da campaña de prevención de afogamentos 2018, que ambas as dúas entidades, en colaboración cos Concellos, puxeron en marcha co obxectivo de trasladar á sociedade as principais medidas de prevención para evitar accidentes na contorna acuática, así como ensinar as pautas necesarias para saber actuar ante unha situación de emerxencia (RCP e utilización dun desfibrilador).

Fundación MAPFRE e Bandeira Azul instalarán unha carpa na praia, onde, de 12.00 a 20.00 horas, técnicos especializados en socorrismo farán fincapé en que os adultos tomen conciencia da importancia de vixiar adecuadamente aos menores de 14 anos, franxa de idade na que se produce o 4 por cento das vítimas mortais totais. Tamén lembrarán a importancia de que os adultos estean a unha distancia máxima dun brazo dos máis pequenos e daranse a coñecer os principios básicos da cadea de supervivencia neste tipo de accidentes: previr un afogamento dentro e fóra da auga, recoñecer unha emerxencia co fin de pedir axuda, proporcionar un elemento de flotación para evitar a inmersión, sacar á persoa afectada da auga só se se sabe como facelo, e, proporcionar asistencia sanitaria se fose necesario.

Máis de 500 falecidos

Entrar na auga sen ter en conta as indicacións do socorrista, non respectar a sinalización, sobreestimar a capacidade como nadador e descoñecer o medio no que queremos darnos un baño, son algunhas das causas máis frecuentes á hora de sufrir un afogamento, situación que en España acabou coa vida de 542 persoas en 2017, un 25% máis con respecto ao ano anterior, segundo unha estimación da Asociación Española de Técnicos de Salvamento e Socorrismo, que destaca que os afogamentos afectan principalmente as persoas maiores de 60 anos (case o 50 por cento).

Entre 2016 e 2017, os equipos de socorrismo realizaron máis de 201.000 intervencións de primeiros auxilios nas 579 praias con Bandeira Azul, nas que se produciron 147 resucitacións cardiopulmonares (RCP) que permitiron salvar a vida a 86 persoas en 2017, o que implica unha porcentaxe de éxito en RCP próximo ao 60%. Así o indica o último informe realizado por Fundación MAPFRE e Bandeira Azul sobre afogamentos en España, que fai fincapé nos máis de 13.700 rescates realizados entre 2016 e 2017, dos cales 3.000 foron de carácter arriscado, é dicir, que non interviñesen os servizos de socorrismo, a persoa que sufriu o afogamento falecese.

Anuncios