Denuncian a falta de persoal para cubrir as ausencias no PAC do Val Miñor

O persoal dos PAC da área de Vigo denuncia a falta de cobertura nas ausencias. «Coñecemos esta semana polos medios de comunicación que a Consellería de Sanidade se queda sen médicos/as de familia nas listas de contratación para cubrir baixas, pero o certo é que esta situación a vimos padecendo usuarios/as e traballadores/as dende hai moito tempo», sinalan nun comunicado.

Segundo o persoal, o que non explica Sanidade son os motivos dunha falta de efectivos que esta semana volveu deixar descubertos nos reforzos do sábado 21 no PAC do Val Miñor, nos do sábado 21 e domingo 22 no PAC da Guarda, e varias horas o domingo 29 (coincidindo coa festa do peixe espada); tamén este domingo 29 no PAC de Ponteareas, sendo este reforzado ás 22 horas cunha facultativa que estaba prestando servizo no PAC de Vigo, deixando este con menos persoal. «Todo isto xerou varias horas de agarda e, como é obvio, malestar entre os usuarios/as».

En todos estes PAC (lembremos que son dispositivos que se encargan de asegurar a asistencia sanitaria da poboación durante as tardes e fundamentalmente durante as noites, fines de semana e xornadas festivas), trabállase co mínimo persoal. É habitual que co equipo completo haxa que facer grandes esforzos para “chegar a todo”, así que non é difícil imaxinar o que pode chegar a ocorrer se faltan efectivos.

Hai uns días este colectivo de sanitarios denunciou nos medios de comunicación a situación, e a Xerencia acusounos de querer crear alarma na poboación. «O que non queren ver é que a alarma é real: os PAC levan tempo traballando en mínimos e estanse permitindo descubertos que propiciarán que algo irremediable suceda algún día. Non hai efectivos, e os que quedan estamos esgotados, maltratados e sobrecargados: cremos que non denunciar esta situación é igual de irresponsable que negar a súa existencia».

Respecto os motivos que propiciaron a falta de efectivos, chámalles enormemente a atención a total ausencia de capacidade de autocrítica e de asunción de responsabilidades da que fai gala a Administración no que á xestión de recursos humanos se refire. «Afirman que non teñen médicos/as na lista, pero non falan das condicións e feitos que fixeron que isto aconteza. Todos os anos un gran número de efectivos abandonan a nosa comunidade con mellores ofertas. Outros cambian a sanidade pública pola privada. Estes datos son de sobra coñecidos pero non se fai nada para frealos».

Os sanitarios aseguran que «temos un gran grupo de facultativos titulares sobrecargados, cansados, escasamente incentivados e continuamente ameazados con recortes en dereitos; e por outro lado, un grupo cada vez máis escaso de médicos/as substitutos/as traballando ao límite das súas forzas, con xornadas que literalmente nunca saben cando van rematar e sen posibilidade algunha de planificar a súa vida persoal, obrigados/as a permanecer pendentes dunha chamada de teléfono que, de malos modos (porque esa é outra das costumes dalgúns/as responsables da nosa Administración, o absoluto desprezo no trato aos seus traballadores/as), vainos enviar a traballar a calquera esquina da área no día que crían ter libre. Con estas condicións o lóxico é pensar que a situación só pode ir a peor».

O persoal dos PAC insta á Administración a buscar unha solución a un problema «esperado e real». «A situación na que nos atopamos non é ningunha sorpresa, sabíamos hai tempo que isto ía ocorrer. O único que demostran os feitos é que non existe vontade de arranxar nada e o de que “non hai médicos/as nas listas” non é máis que unha escusa para non actuar e seguir deixando ao azar e á improvisación a cobertura sanitaria de toda unha poboación».

Anuncios