A Xunta pon en marcha unha campaña contra o “furtivismo de bañador”

FOTO: PEPE COSTAS // Praia da Ribeira.

A Consellería do Mar vén de poñer en marcha a campaña “Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear”, que ten como obxectivo concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación. Esta iniciativa vénse desenvolvendo desde o 20 de xullo e prolongarase ata o 17 de agosto nas praias galegas que reciben máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira e coincidindo coa época de maior afluencia de turistas.

A campaña de sensibilización consiste na realización de 50 accións en 35 areais de 21 concellos costeiros, 11 deles na Coruña, nove en Pontevedra e un en Lugo. A través dela realizarase unha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o labor que hai arredor do marisqueo e dos profesionais que traballan nesta actividade. En Baiona estará o 11 de agosto, de 10:00 a 14:00 horas na praia Ladeira e de 15:30 a 19:30 no areal de Santa Marta, e o 14 de agosto de 10:00 a 14:00 horas na praia Ribeira.

A Xunta solicitou a implicación do sector enviando a principios deste mes unha misiva a todas as confrarías de Galicia para informalas da súa posta en marcha. Deste xeito tamén se busca facer fincapé na importancia de loitar xuntos contra a problemática do furtivismo de bañador, poñer en valor o labor dos mariscadores e mariscadoras profesionais e facer un chamamento á responsabilidade de cada bañista.

A campaña comezou a desenvolverse na Illa de Arousa, unha das zonas máis afectadas por este tipo de furtivismo e tamén unha das máis activas no traballo de concienciación. Este concello destaca pola importancia do marisqueo, pois os mariscadores representan máis da metade dos membros da confraría da Illa de Arousa e esta actividade supón a totalidade das descargas e facturación na súa lonxa.

Ademais, esta iniciativa vénse engadir a outras accións que está a desenvolver a propia confraría da Illa de Arousa, que pediu a colaboración da Xunta nunha reunión mantida na Consellería o pasado mes de abril. Tamén se suma a outras iniciativas de sensibilización da Consellería do Mar. Unha delas é o proxecto piloto desenvolvido no 2016, que consistiu na entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil Non piques, non peques, que leva máis de 10.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo de produtos do mar.

O furtivismo nas praias

Cada verán o Servizo de Gardacostas realiza entre 500 e 1.000 inspeccións nos areais galegos, nas que incluso se chegan a comisar máis dunha tonelada de marisco. A Xunta lembra que o furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos. Tamén é un problema medioambiental, porque supón un prexuízo para o ecosistema, e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

Anuncios