Anuncios
Ticker de novas

Comida de todo tipo en locais rodantes: así é o “Rilla na Rúa”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Rilla na Rúa en Nigrán.

O evento gastronómico sobre rodas “Rilla na Rúa” atópase na recta final e mañá domingo será o último día para degustar multitude de racións a pé do paseo da Foz. O evento multidisciplinar composto por 14 “food trucks”, 22 postos de venda de diversos complementos e 2 puntos de distribución de bebidas non deixa indiferente a un público que se achega ata A Ramallosa para gozar da contorna e onde a comida e bebida mestúranse con actividades ao aire libre tales como sesións vermouth, concertos ou sesións Dj, entre outras. Ademais hoxe sábado os situados na contorna da capela de San Campio compartirán espazo coa segunda xornada do Nigránjazz, que se celebra no antigo almacén de sal da Foz.

Así pois, esta edición está a cumprir con todas as expectativas de venda nas que se prevé despachar un total de 1300 litros de cervexa e unha media de 800 racións por posto, o que supón máis de 10.000 pratos entre os cinco días que dura a cita. Tanto hostaleiros como organizadores coinciden en que o de Nigrán é un dos que mellor acollida teñen de todo o territorio nacional con emprendedores chegados de diversos puntos de España e Europa. Proba diso é que na de 2017, que obtivo unha afluencia de máis de 10.000 persoas, estaba pensada para celebrarse durante tres días e debido á boa acollida optaron por prorrogala 48 horas máis.

Cachopos, hamburguesas de lacón con grelos, auténticas salchichas alemás, bocadillos americanos, comida mexicana, doces ou diferentes seleccións de queixos, son algunhas das propostas ofrecidas, ademais de cervexa e bebidas de alta gradación que se poden degustar nas terrazas improvisadas da alameda a poucos metros do estuario. Trátase dun evento claramente marcado pola gastronomía que resta protagonismo aos markets e aínda que aquí as vendas son máis tímidas, os resultados seguen sendo bos. Nesta zona os comerciantes ofrecen multitude de produtos como vinilos, cd’s e libros de segunda man; complementos artesanais, “vintage” ou roupa ecolóxica. A grandes liñas o balance obtido na recta final do “street food” está a superar as expectativas e os integrantes do mesmo repetirán na edición do ano que vén.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios