Nigrán retirará dos espazos públicos todas as placas conmemorativas de inauguración

O Pleno do Concello de Nigrán acordou a retirada dos espazos públicos de titularidade municipal das placas de inauguración nas que figuran os nomes dos políticos que estaban gobernando en cada momento. O BNG quere manifestar a súa satisfacción por esta decisión, que se adoptou ao aceptar unha emenda do Partido Popular á súa moción, na que requirían a retirada da placa co nome de Rafael Louzán da Praza do Concello, conmemorando a súa inauguración.

“Do mesmo xeito saudamos que a Corporación aprobase non autorizar a instalación de ningunha nova placa conmemorativa de inauguracións que inclúa os nomes dos representantes políticos baixo cuxo mandato se realicen”, sinala Xavier Rodríguez.

Esta decisión adoptouse como consecuencia da presentación, por parte do BNG, dunha moción instando á retirada da placa que preside a Praza do Concello. As razóns para facelo eran o seu rexeitamento a que os representantes políticos, que temporal e circunstancialmente ocupan en cada momento os diferentes postos, coloquen os seus nomes sinalando esta circunstancia en prazas, edificios, lugares e ata bancos.

“Responde esta práctica á tentación de perpetuarse nas paredes nun pretensioso intento de pasar á posteridade”, critica o Portavoz Municipal do BNG, que aclara que “o feito de centrarnos, polo menos inicialmente, na Praza do Concello, viña dado pola representatividade do lugar, así como polo feito de que quen presidise dun xeito honorario esa praza fose Rafael Louzán, sobre o que, a maiores de representar un xeito de facer política afortunadamente desterrado da Deputación, decretouse a apertura de xuízo oral acusado dun delito de suborno. No BNG non críamos, dende logo, que o seu nome debera permanecer para sempre na praza do noso concello”.

Na Comisión Informativa previa á sesión plenaria, a proposta contou co apoio do Partido Socialista e a frontal oposición do PP que, xa no Pleno, presentou unha emenda para estender a medida a todas as placas similares existentes e impedir a instalación de outras novas. Esta emenda aprobouse ao ser aceptada polo BNG, xa que non lle supón ningún problema proceder á retirada de todas, ao contrario, se ben non queren que esta medida esconda a significativa decisión de retirar a placa co nome de Rafael Louzán da praza central do pobo.

Anuncios