Anuncios
Ticker de novas

Baiona prepara catro días de festa na honra da súa patroa

Baiona celebrará o primeiro fin de semana de agosto as grandes festas na honra da súa patroa, a Virxe da Anunciada, organizadas pola Concellería de Cultura.

O programa comezará o venres 3 ás 20:30 horas, cando Cía Mundomandarina ofrecerá o seu espectáculo de maxia “Mi abuelo es mago” na Alameda Carabela Pinta. Xa pola noite, a partir das 23:00 horas, os concertos dos grupos Motores e Sherpa “Ex Barón Rojo” amenizarán a festa no Parque da Palma.

O sábado 4 a xornada comezará co pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona a partir das 11:30 da mañá. Ás 12:30 haberá un pasarrúas polo caso antigo e concerto na Praza do Concello (13:00 horas) a cargo da Banda de Música de Baiona.

Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na Igrexa de Santa María, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas” e a continuación terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada da Banda de Música de Baiona e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata.

A media noite, terá lugar a gran tirada de lumes de lucería, que dará paso ao concerto de Miguel Costas e Nacha Pop ás 00:30 horas no Parque da Palma.

O pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados pola charanga “Nova Cubana” abre de novo ás 11:30 horas a xornada do domingo 5. Ás 12:00 do mediodía haberá un pasarrúas da Escola de Danza Vila de Baiona, do grupo de pandereteiras “Monte Boi” e do grupo de gaitas “A Seneira” ata o Parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.

Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:30 horas, os Xardíns da Casa da Navegación acollerán o espectáculo de destrezas circenses e acrobacias H2OLGA “Una sustancia circense”, a cargo de Amontonados por Azar.

Ás 22:00 horas, comezarán os concertos en directo de Amistades Peligrosas, dúo formado por Cristina del Valle e o baionés Marcos Rodríguez, Blas Cantó e Orquestra Mondragón.

O luns 6 ás 11:00 da mañá celebrarase a Misa de “San Telmo” polos mariñeiros falecidos na Igrexa de Santa María de Baiona, e pola noite, ás 23:00 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto de Gustavo Almeida e Banda.

Anuncios