Anuncios
Ticker de novas

O CPA Gondomar organiza unha gala para financiar a súa viaxe a Nanjing

FOTO: CPA GONDOMAR

O CPA Gondomar organiza o vindeiro sábado 24 de xuño a Gala de Patinaxe Artística “De Gondomar a Nanjing”, que se celebrará a partir das 17:00 horas no Pavillón das Travesas, en Vigo. Case 700 participantes, en máis de sete disciplinas diferentes (baile moderno, banda de gaitas, hip-hop, baile de salón, actuacións musicais…), daranse cita co único obxectivo de conseguir o financiamento necesario para que as mozas do club poidan viaxar a China representando a España no Campionato do Mundo de Grupos Show.

As entradas, cun prezo de 3 euros, estarán á venda a partir das 16:00 horas en despacho de billetes. Así mesmo dispoñen da “Fila 0” para todo aquel que desexe colaborar (Nº de conta 1465 0290 88 1900260422 de ING Direct).

O Club de Patinaxe Artística de Gondomar logrou o terceiro posto na clasificación do Campionato de España celebrado en Cataluña o pasado mes de marzo, alcanzado así o pase directo para o Campionato do Mundo de Patinaxe Artística de Grupos Show Pequenos que se celebrará en Nanjing (China) o próximo mes de setembro. Para poder levar o seu espectáculo ao continente asiático e cumprir así o seu soño, o equipo necesita reunir un total de 25.000€ co que custear os gastos derivados da viaxe.

As dez patinadoras, que teñen entre 15 e 28 anos, puxeron en marcha unha campaña para a venda de pulseiras e mochilas e agora organizan esta gala solidaria que lles permita recadar fondos.

Anuncios