
A potencia dos “matadores” do Club Ciclista Rías Baixas saíu a relucir na primeira etapa en liña da Volta a León. Francesc Zurita terminou cuarto e Antonio “Chava” Angulo asinou a oitava posición na chegada masiva á Lagoa de Negrillos. A estrutura presidida por José Luis Chamorro logrou a segunda praza na clasificación por equipos.
Despois do prólogo nocturno do día anterior, a segunda xornada da rolda leonesa estaba reservada para os sprinters. Os 126 quilómetros entre Benavides e Laguna de Negrillos presentaban un perfil chairo e cinco corredores desafiaron ao pelotón cunha fuga afastada, pero foron neutralizados a falta de 6 km para o final.
Coa liña de meta situada nunha longa recta, o máis rápido foi David González (Caja Rural), impoñéndose nunha xornada na que se rodou a unha media superior ao 42km/ h. Zurita entrou cuarto e Angulo, oitavo. O resto de corredores da formación miñorana concluíu co mesmo tempo que o gañador: David Galarreta, Jaume Bonnin, Ignacio Zamanillo, Antonio Barbeiro e Sergio Álvarez.
Na xeral, Angulo mantense noveno, a 4 segundos do líder, antes do primeiro contacto coa montaña. Nos 141 quilómetros deste mércores entre Vegacercera e Villaverde da Cuerna contabilízanse cinco ascensións puntuables, de segunda e terceira categoría, antes do final nun “muro” que rolda o 2 km de lonxitude.