Rilla na Rúa e Nigranjazz, unha simbiose perfecta

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Nigranjazz.

O Concello de Nigrán arranca dende hoxe e ata o domingo o “Rilla na Rúa” no paseo de A Ramallosa, a feira gastronómica sobre rodas que, un ano máis, coincidirá co Nigranjazz durante as noites do venres e sábado no esteiro de A Foz.

Un total de 14 food trucks con diversas propostas gastronómicas ocuparán dende esta tarde o paseo ata o escenario ao aire libre da Foz, onte ten lugar o Nigranjazz. Ademais, durante os cinco días haberá distintas actividades programadas para todos os públicos. “Rilla na Rúa”, considerado un dos eventos de street food máis importantes de España, reuniu en Nigrán o pasado ano a máis de 10.000 persoas, sendo o emprazamento onde máis éxito colleitan. Este ano a música en directo ten un protagonismo importante: Ibanfield, o grupo de jazz Low Bay Hot Band, Babú and the Grove Conection, La Pistola del Manco, Vilapengüin Dj´s e ASel Collins DJ. Ademais, volverá ás praias da zona e ao recinto do “Rilla na Rúa” o espectáculo de Nelson Quinteiro e tamén se poderá gozar de 15 markets de produtos vintage, actividades infantís ou a actuación da escola de baile LDanzia.

Na mesma contorna e complementándose mutuamente, ao fin do paseo da Foz terá lugar o XII Nigranjazz o venres e sábado coa actuación estelar do guitarrista holandés Jesse Van Ruller en trío e do valenciano Voro García en quinteto, considerado como un dos mellores trompetistas a nivel internacional.

“Rilla na Rúa e Nigranjazz fan unha simbiose perfecta, o ambiente que se xera estes días no paseo da Foz é único. Os asistentes gozan neste espazo marabilloso da mellor comida gourmet e, ao mesmo tempo, asisten a concertos de jazz ao aire libre con artistas de nivel internacional; todo un luxo”, resume o alcalde, Juan González.

A programación do Nigranjazz une novamente a figuras de recoñecido prestixio mundial cos músicos galegos máis relevantes do momento, como Xacobe Martínez Antelo e Dani Font, que cos seus respectivos tríos serán os encargados de abrir o festival o 27 e 28 respectivamente. Ademais, é como é xa o seu aceno de identidade, celebrarase a tradicional master- class (nesta ocasión a cargo de Peter Bernstein o 27 e Jesse Van Ruller o 28, inscrición e información en info@folque.com) e haberá jams sessions posteriores aos concertos que abrirán Emilio Atantes e Diego Alonso con cadanseu cuarteto.