Anuncios
Ticker de novas

O “Vive Nigrán” segue medrando e recibe máis de 5.000 asistentes na súa segunda edición

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Sidonie no Vive Nigrán.

A segunda edición do festival “Vive Nigrán”, un dos #RíasBaixasFests da Deputación de Pontevedra, baixou o pano superando todas as expectativas. A presidenta provincial, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polos bos resultados do evento celebrado no campo de fútbol de Praia América. O festival recibiu a máis de 5.000 visitantes durante as dúas xornadas deste festival polo que pasaron artistas e grupos como Nathy Peluso, De Pedro, Maryland, Cala Vento, Sidonie, The Limboos e Mueveloreina, entre moitos outros. Neste senso, Carmela Silva subliñou que “o dato de asistencia supón un incremento do 25% respecto á primeira edición”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén resaltou “a importancia de festivais como o “Vive Nigrán” na economía da nosa provincia, pois, por exemplo, con este evento cubríronse todas as prazas do cámping de Nigrán e tamén do de Baiona e a hostalería da vila estivo chea”.

O “Vive Nigrán 2018” volveu a ser un “Pícnic Pop Festival” no que a diversión foi a tónica dominante da fin de semana. Durante as dúas xornadas, amais das numerosas actuacións musicais organizáronse un foro cultural con importantes profesionais do sector da música e diferentes actividades infantís.

Carmela Silva destacou que “o festival permite acadar un dos obxectivos marcados no Plan Estratéxico de Turismo, o de converter a este lugar nunha referencia turística ligada á música ao tempo que se estenden entre a cidadanía valores positivos”. Amais, sinalou que “é unha alegría ver como este festival consolídase no panorama musical galego, o “Vive Nigrán” é o festival máis mozo dos nosos #RíasBaixasFests e estase afianzando moi rápido, estou segura de que acabará converténdose nunha referencia”.

En canto ás iniciativas que a institución provincial puxo en marcha durante o festival en prol da igualdade e do respecto ao medio ambiente a presidenta da Deputación subliñou o seu éxito. Neste contexto, Carmela Silva destacou que durante a xornada do venres púxose en marcha un stand informativo dende o que se espallaron as campañas “Conta comigo. Eu respéctote” e “Lembra. Eu decido. Ti respectas”, polo que pasaron preto de 500 persoas das cales o 58% foron mulleres e o 42% homes. Desde este stand repartíronse 600 gorros, 700 pegatinas e 500 dípticos para previr casos de violencia sexual por submisión química e outros 500 para concienciar sobre o consentimento e a importancia de respectar o corpo alleo.

A presidenta provincial tamén valorou moi positivamente a aposta da Deputación pola sustentabilidade coa campaña “Somos historias. Somos sostibles”, que permitiu repartir en soamente cinco horas do venres preto de 1.500 ecocabichas.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios