Nigrán ofrece o espectáculo do coro “Gli Appassionati” ao pé do Templo Votivo de Panxón

O Concello de Nigrán ofrece mañá martes 25 de xullo ás 22:00 horas ao pé do Templo Votivo de Panxón (entrada polo colexio, Camiño dos Lagos) o espectáculo pop-rock “Appasionarte” do coro Gli Appassionati, un dos máis recoñecidos a nivel nacional. Fundado no ano 2012 da man da mezzosoprano veciña de Chandebrito Nuria Lorenzo, o coro está composto por preto de 40 mozos e mozas con gran formación vocal que interpretarán temas míticos dos anos 60, 70 e 80 acompañados por músicos en directo; así, ao piano estará Jesús Moares; á guitarra eléctrica, Nacho Novoa; ao baixo eléctrico, Ángel Martínez; e á batería Noli Torres. Todos eles baixo a batuta de Nuria Lorenzo, recoñecida a nivel nacional coma unha das voces líricas máis prometedoras. “Appassionarte” mestura música a capella con coreografías que incrementan a visualidade do espectáculo e instrumentación de cordas ou sons electrónicos que contribúen a establecer un fondo sonoro de notas longas.

«Gli Appassionati é un dos coros máis respectados a nivel nacional e está dirixido por unha persoa de Nigrán, polo que estamos especialmente orgullosos de poder ofrecer este concerto, era unha débeda que tiñamos pendente. Estamos seguros de que os asistentes se van a sorprender e entusiasmar», explica Juan González, alcalde de Nigrán.

Gli Appassionati acumula numerosos galardóns a nivel nacional (como o primeiro premio do Certamen Nacional de Música Coral de Villanueva de la Serena ou o primeiro premio e especial do público do XLVIII Certamen de la Canción Marinera de San Vicente de la Barquera) e é xa un dos referentes corais de España, así coma un dos coros máis importantes de Galicia.

Anuncios