Sin categoría

Marine Instruments compra unha terceira parcela en Porto do Molle

Esta mañá, o delegado David Regades, asinou con Francisco Pino e Ignacio Arbulu, conselleiros delegados de Marine Instruments, a escritura de compravenda dunha nova parcela en Porto do Molle. Esta é a terceira superficie industrial que a firma especializada en boias satelitarias para a pesca adquire no parque empresarial de Nigrán. Os máximos responsables da compañía xustificaron a necesidade desta nova parcela de 2.505 m2 debido ao crecemento do seu departamento de l+D+i para a fabricación dos novos produtos en desenvolvemento xa que na actualidade apostan fortemente pola diversificación e teñen como obxectivo desenvolver produtos e solucións para outros sectores e clientes fóra do ámbito pesqueiro.

Regades felicitou a ambos os dous directivos pola súa excelente xestión grazas á cal a compañía sumou entre 2006 e 2015 ata 33 indicadores ARDÁN de boas prácticas empresariais. A empresa que naceu en 2003 vende xa os seus produtos a armadores de 25 países. Nos últimos nove anos pasou de facturar seis millóns de euros a 42 e de ter 29 empregados a contar cun persoal de 130 profesionais.

Marine Instruments instalouse no Parque Empresarial de Porto do Molle en decembro do ano 2011 coa adquisición dunha parcela de 2.286,70 m2 onde edificou o seu primeiro edificio. Posteriormente, en base ao crecemento da actividade da empresa, no 2013 efectuou unha ampliación de instalacións saltando á parcela lindeira doutros 2.013,50 m2.