O BNG pide que se retire a placa conmemorativa da inauguración da Praza do Concello de Nigrán

En 2015 se inaugurou a Praza do Concello de Nigrán, cun custo de 218.456 € e realizada de acordo cun proxecto municipal e con cargo a un plan de obras e servizos da Deputación de Pontevedra. Co gallo de tal inauguración colocouse unha placa cos nomes de Alberto Valverde e Rafael Louzán en dita praza.

O BNG considera que non se debe poñer o nome de representantes políticos nas obras realizadas durante os seus mandatos porque os políticos deben xestionar os caudais públicos, pero non lles corresponde a propiedade das obras realizadas durante os seus mandatos, só pretenden perpetuarse nos lugares públicos; edificios, prazas, bancos…

“No caso que nos ocupa, agrávase pola maneira de facer política de Rafael Louzán, afortunadamente desterrada da Deputación e que o vai levar a xuízo en breve. O BNG considera que non é o tipo de persoa que teña un comportamento moral merecente dun recoñecemento público na praza do noso Concello. Por todo o exposto, instamos ao Concello de Nigrán a que retire dita placa”, sinala Xavier Rodríguez.

Anuncios