Seis nomes para a alternativa nacionalista en Baiona

O actual Portavoz Municipal, Iago Pereira, repetirá como cabeza de cartel nas vindeiras Eleccións Municipais do 2019, xunto a unha equipa renovada e paritaria. “O fondo traballo desenvolvido nos últimos anos deu os seus froitos e o BNG por ver primeira é a alternativa real de goberno ao Partido Popular”, di o recentemente nomeado candidato á Alcaldía de Baiona.

Ademais do seu nomeamento a asemblea local nacionalista de Baiona designou ás cinco persoas que lle acompañarán no primeiro tramo de candidatura. “A presentación é colectiva porque así é a forma de ser do BNG. Ningún destaca nin se impón sobre os demais, traballamos en equipo por un proxecto común e nacionalista para Baiona, onde se incorpora quen ten a inquedanza de facer unha Baiona mellor”, asegura.

Xunto a Iago Pereira preséntanse Yasmina Moreira, licenciada en Bellas Artes e traballadora forestal; Xosé Manoel Marcote, concelleiro nesta lexislatura e membro da Executiva Nacional; Patricia Mariscal, licenciada en bioloxía e activista medioambiental; Piño Blach, traballador do metal e Responsable Local, e Juli Castro, ama de casa e recentemente afiliada.

“Esta equipa será a encargada de coordinar a elaboración definitiva da nosa candidatura e o borrador do programa electoral sobre o que debateremos durante a precampaña. Queremos que o maior número de baioneses e baionesas participen na elaboración do mesmo, porque coa experiencia das pasadas Eleccións Municipais a experiencia foi moi positiva e queremos seguir a avanzar niso. É máis, será o noso aceno de identidade si a veciñanza decide outorgarnos o privilexio de gobernar Baiona”.

“Con Marcote traballei man con man nesta lexislatura e xuntos culminamos unha etapa de rexeneración e refundación do BNG que en Baiona se trasladou en acción e iniciativas moi ben percibidas pola veciñanza. As incorporacións de Yasmina e Patricia están a enriquecer enormemente o noso traballo diario, aportando novos puntos de vista. A súa ilusión é contaxiosa e nos dan aínda máis forzas. De Juli e Piño non pode haber máis que boas palabras, estiveron aí nos peores momentos e deron un paso á fronte cando ninguén apostaba un euro polo BNG. O seu orgullo polo BNG foi revigorizante e contribuíu a que máis persoas se achegaran a nós. Houbo un tempo en que eran novas as baixas no BNG, hoxe as altas que se producen veñen dadas por todo este traballo e orgullo polo noso sincero proxecto. Non renunciamos a nada e agardamos que ese optimismo colectivo que nos trasladan os máis achegados chegue a unha maioría social baionesa e nos permitan converter Baiona nun “Concello BNG”, dos que tanto nos gusta presumir. Non hai que mirar moi lonxe para ver en que se converteu Tomiño, Pontevedra, Bueu, Carballo, Allariz… Baiona incorporarase a esa tendencia si a veciñanza o quere, só podemos dicir que de ser así nos deixaremos a pel para non defraudarlles”, conclúe Iago Pereira.

O acto de presentación do primeiro tramo de candidatura celebrouse este sábado cunha churrascada que xa é tradicionalmente organizada polo BNG como acto previo á conmemoración do Día da Patria, que este ano conmemora o 50 aniversario da súa primeira celebración.