O Pairo VIII coróase novo campión de España de altura no Conde de Gondomar

O Pairo VIII do Real Club Náutico de Vigo coroouse novo campión de España de Altura da zona Galicia no Trofeo Conde de Gondomar, que se celebra estes días nas rías galegas baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de Banco Sabadell.

O veleiro, armado por José Luis Freire, capitaneado por Luis Bugallo e co ex Copa América Laureano Wizner como táctico, fíxose co título tras completar a etapa do Carrumeiro Chico, de case 100 millas de ida e volta entre Baiona e a ría de Corcubión, en 15 horas e 47 minutos.

Os vigueses conseguiron o título a pesar de non ser os máis rápidos en finalizar a proba, xa que o Yess de Rui Ramada, do Monte Real Club de Yates, foi o primeiro en cruzar a liña de chegada. Fíxoo 20 minutos antes que o Pairo e 10 minutos antes que o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal, que tras a compensación de tempos colocouse na cabeza da clase Storax ORC 1-2 e no máis alto da clasificación xeral do trofeo.

Na clase ORC 1-2, detrás o Aceites Abril e o Pairo VIII, ambos os dous do Real Club Náutico de Vigo, colocouse o Siradella do Real Club Náutico de Portosín, patroneado por Francisco Gude; e na clase PSA Retail ORC 3, ocupan os postos do podio provisional o Oral Group Galimplant de Pedro Pazos (Real Club Náutico de Sanxenxo), o Gorilón de Emigdio Bedia (Real Club Marítimo de Santander) e o Marara 4 de Javier Montenegro (Club Marítimo Rías Baixas).

Tras chegar a Baiona de madrugada e descansar durante a xornada dominical, os grandes barcos volverán á auga o vindeiro mércores para disputarse as dúas últimas probas do Conde de Gondomar no fondeadoiro de Cíes, dous bastóns barlovento sotavento nos que tamén participarán os veleiros a clase ORC 4 e os monotipos J80 e Fígaro.

Estes últimos saíron hoxe á auga para completar a súa segunda proba do campionato, unha costeira de 24 millas que os levou desde o interior da baía de Baiona ata a baliza de Subrido, nas proximidades de Cabo Home, onde viraron para volver de novo a Baiona pasando por Bondaña, na zona de Toralla.

A proba desenvolveuse cun vento noroeste de entre 8 e 10 nós que parecía que non ía dar problemas á frota, pero xusto ao final, cando os veleiros estaban xa próximos á chegada, os que navegaban na cabeza da frota caeron nun pozo que os estancou e permitiulle aos que viñan detrás alcanzalos e mesmo superalos.

Un dos barcos que máis sufriu os caprichos do vento foi o Unus de Luis García Trigo, que tras asinar unha espectacular regata levando a toda a frota á súa popa, viuse relegado á última posición da táboa da clase Coca Cola ORC 4. Nesta mesma categoría, o Balea Dous de Rodeira, con Luis Pérez á fronte, logrou subir da terceira á primeira posición, facendo caer ao Fend la Bise de Jean Claude Sarrade (Monte Real Club de Yates) e La Burla Negra de Juan José Martínez (Club Náutico Castrelo de Miño) ao segundo e terceiro posto respectivamente.

Na clase Martin Miller J80, o Okofen do Monte Real Club de Yates, que hoxe recuperou a Javier Gándara de patrón, afianzou a súa escalada cara ao podio tras encadear unha nova vitoria. Destacada tamén foi a actuación do Cunichán de Javier Martínez, que viña sétimo de primeira xornada e, tras unha gran regata, meteuse no peto a prata provisional. O terceiro posto ocúpao o Virazón de Miguel Lago.

Na batalla que libran os Fígaros na clase Rías Baixas, volveu destacar o Erizana de Santiago Meygide, que encadea dous primeiros postos nas dúas probas celebradas ata o momento. En segunda e terceira posición van o Silleiro de Gonzalo Baamonde e o Bouvento de Adrián Irago.

O Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell despedirá a súa cuadraxésimo terceira edición o vindeiro mércores 25 de xullo, festivo de Santiago Apóstolo, a partir do mediodía no fondeadoiro das Illas Cíes, cun menú final composto por dúas mangas para todas as clases.

Anuncios