Fend la Bise, Okofen e Erizana enfilan rumbo ao podio do Conde de Gondomar

Os aspirantes ao trono do 43º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell empezaron a enfilar rumbo ao podio este sábado na primeira xornada de competición, que se disputou nas rías galegas coa frota dividida en dúas seccións e un trazado diferente para cada unha delas.

Os barcos máis grandes, das clases Storax ORC 1-2 e PSA Retail ORC 3, coa etapa estrela do Carrumeiro Chico no seu menú do día, tiveron que lidar cun vento ao que se lle antollou ser protagonista da xornada. Obrigou a atrasar media hora a súa saída, retardou a súa navegación na zona de Carallones e mesmo chegou a deixalos estancados nas proximidades das Cíes.

Os barcos que a priori partían como favoritos, o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal e o Pairo VIII, armado por José Luis Freire e patroneado por Luis Bugallo, cumpriron coas expectativas e colocáronse desde o minuto un na cabeza da frota. Ambos optaron polo percorrido máis ao oeste, polo exterior das Illas Cíes, e aos poucos fóronse sumando a eles o resto de veleiros.

Foi precisamente esa elección a que lles dificultou a navegación, xa que se atoparon con menos intensidade de vento que os barcos pequenos, que optaron polo interior de Cíes para subir ata o Camouco (Ons) e puideron completar a proba, dunhas 30 millas de distancia, con bastante axilidade.

Na clase Coca Cola ORC 4, o vencedor da xornada foi o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Yates. Empregou pouco máis de 5 horas en finalizar o percorrido e colocouse en primeira posición da clasificación provisional. Séguenlle, en segundo e terceiro posto, La Burla Negra do Club Náutico de Castrelo do Miño, capitaneada por Juan José Martínez; e os cangueses do Balea Dous, con Luis Pérez á cabeza.

Na clase Martin Miller J80, competindo en tempo real, o Okofen non sufriu a ausencia de Javier de la Gándara, o seu habitual patrón, e con Diego Fernández aos mandos logrou ser o máis rápido da xornada. Venceu, iso si, por unha escasa marxe, xa que apenas uns segundos despois del cruzaba a liña de chegada outro dos favoritos para facerse co título, o Virazón de Miguel Lago, tamén do Monte Real Club de Yates. A terceira posición provisional quedoulla o Cansino do comodoro do Monte Real, Fernando Yáñez.

En tempo real tamén se disputaron esta etapa inaugural do Conde de Gondomar os Fígaros da clase Rías Baixas, na que se impuxo, lucindo grímpola do club organizador, o Erizana de Santiago Meygide. O Bouvento de Adrián Irago e o Silleiro de Gonzalo Baamonde van segundo e terceiro respectivamente.

A primeira xornada do 43º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell finalizou para os barcos pequenos (ORC 4, J80 e Fígaros) cunha cea mariñeira e degustación de gintonics nas instalacións do Monte Real Club de Yates. A competición dos grandes (ORC 1, 2 e 3) aínda continúa e non está previsto que finalice ata ben entrada a madrugada ou mesmo unha vez amencese o día.

A esta hora seguen na cabeza o Yess do Monte Real Club de Yates, co portugués Rui Ramada á roda, que foi ademais o primeiro barco en virar o Carrumeiro Chico; o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal, do Real Club Náutico de Vigo; e o Pairo VIII liderado por Luis Bugallo e Laureano Wizner.

O 43º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell continuará mañá domingo a partir do mediodía coa segunda proba para as clases Coca Cola ORC 4, Martin Miller J80 e Rías Baixas Fígaro. As clases Storax ORC 1-2 e PSA Retail ORC 3 descansan e regresan á competición o mércores, festivo do 25 de xullo, cando o comité de regata reunirá a toda a frota no fondeadoiro das Illas Cíes para que se disputen as dúas últimas probas do trofeo, dous percorridos barlovento sotavento que sentenciarán a cuadraxésimo terceira edición da histórica competición do Monte Real Club de Yates.