Os campións do Conde de Gondomar buscan revalidar o título

FOTO: ROSANA CALVO // Luis Pérez Canal volverá liderar á tripulación do Aceites Abril.

Os veleiros que resultaron vencedores na anterior edición do Trofeo Conde de Gondomar tratarán de repetir triunfo na cuadraxésimo terceira edición da competición, que se celebra a partir de mañá sábado en Galicia baixo a organización do Monte Real Club de Yates e o patrocinio de Banco Sabadell.

O Aceites Abril do Real Club Náutico de Vigo, liderado polos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal, vencedor absoluto o ano pasado, sairá á auga co obxectivo de asinar a súa cuarta vitoria tras as logradas en 2013, 2016 e 2017. Un ano máis, os ourensáns parten entre os favoritos e situaranse, sen dúbida, entre os primeiros completar a etapa estrela da competición, as case 100 millas ata o Carrumeiro Chico, que o ano pasado finalizaron en 15 horas e 15 minutos.

Apenas cinco minutos despois do Abril cruzaba a liña de chegada o seu compañeiro do náutico vigués e un dos seus rivais máis directos, o Pairo VIII, que neste 2018 pelexará polo Conde de Gondomar cunha tripulación de novas promesas, entre as que se atopan os recentes campións de Europa de J70 Luis Bugallo, que repetirá de patrón, Gerardo Prego e Alberto Basadre. Acompañaralles bordo o malagueño ex Copa América, Laureano Wizner.

Ambos se volverán a ver as caras este sábado na proba do Carrumeiro Chico, da que sairá o novo Campión de España de Altura da Zona Galicia. A regata partirá ás once da mañá da baía de Baiona cunha previsión de vento que empezará soprando do noroeste con ata 15 nós e que irá rolando a norte e baixando de intensidade para a noite.

Os barcos máis rápidos poderían alcanzar o Carrumeiro nunhas seis ou sete horas, dependendo das condicións de vento e mar, e finalizar a proba unhas cinco horas máis tarde. O resto da frota prevese que regrese a Baiona ben entrada a noite ou mesmo na madrugada do domingo.

No resto de clases, o Unus de Luis García Trigo, do Monte Real; e o Balea Dous de Luis Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira; tratarán de repetir triunfo nas súas respectivas clases, do mesmo xeito que o Okofen de Javier de la Gándara, que pelexará por manterse o primeiro dos monotipos J80.

Entre a trintena de embarcacións participantes tamén estará, liderado por Francisco Gude, o Siradella, do Real Club Náutico de Portosín, vixente Campión de España de Altura da Zona Galicia. Outros dos barcos que participan son Oral Group Galimplant de Pedro Pazos (Real Club Náutico de Sanxenxo), recente gañador do Trofeo Ramiro Carregal; o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Yates; o Gran Fisgón de Manuel López, do Real Club Náutico de Palma; La Burla Negra, de Juan José Martínez, do Náutico Castrelo de Miño; o Yess de Rui Ramada, do Monte Real Club de Yates; o Gorilón de Emigdio Bedia, do Real Club Marítimo de Santander; ou o Marara IV de Javier Montenegro, do Club Marítimo Rías Baixas.

A cuadraxésimo terceira edición do Conde de Gondomar, a decidir en tres xornadas a partir de mañá sábado, promete acción e emoción na auga. Para terra resérvanse os momentos de relax, con ceas mariñeiras e degustacións de gintonics en Baiona. O festivo do 25 de xullo, unha vez definido o podio de gañadores cos bastóns de Cíes, entregaranse os premios aos gañadores.