Anuncios
Ticker de novas

O novo centro de saúde de Gondomar estará rematado en abril do vindeiro ano

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as obras de construción do novo centro de saúde de Gondomar, acompañado polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o alcalde, Paco Ferreira. As obras contan cun orzamento de 2.355.770 euros e estímase que o remate das mesmas se produza en abril do vindeiro ano.

A nova infraestrutura sanitaria levántase sobre unha parcela de 4.974 m2 cedida polo Concello de Gondomar ao Servizo Galego de Saúde e contará cunha superficie construída de 1.611,20 m2, o que suporá un incremento de 990,2 m2, un 159,45% máis respecto ao espazo actual.

O inmoble divídese en áreas funcionais, con división lonxitudinal en dúas bandas, unha orientada sempre cara o patio, que enlaza todas as áreas públicas de espera e circulación, mentres que a outra crea un anelo de carácter especializado de atención personalizada ou servizos específicos.

Na área médica contará con 6 consultas de medicina xeral, 6 de enfermería, 1 consulta de matronas e 1 sala de educación maternal. Tamén haberá un despacho de coordinación e de asistente social; unha sala de toma de mostras, unha sala técnica e dúas salas polivalentes. Na área pediátrica contará cunha consulta de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica. Finalmente, nas zonas de administración e outros usos executaranse unha área de admisión, un arquivo de historias clínicas; almacéns, sala de caldeiras, sala de estar para o persoal, aseos (tanto públicos como para o persoal), sala de xunta e biblioteca.

O novo centro de saúde de Gondomar atenderá a unha poboación de 10.615 tarxetas sanitarias, das que 1.178 son menores de 15 anos. A construción desta nova infraestrutura da rede sanitaria pública galega permitiralles tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispoñer dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste concello pontevedrés.

Anuncios