Convocada folga indefinida na recollida do lixo de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Camión da recollida de lixo de Nigrán.

O cadro de persoal do servizo da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán decidiu en asemblea convocar folga indefinida a partir do vindeiro xoves 26 ante o bloqueo nas negociacións do convenio colectivo.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto á representación sindical de Cespa, concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Nigrán, para anunciar a medida adoptada polos/as traballadores/as ante a actitude inmobilista da empresa á hora de pactar os novos acordos laborais.

Equiparar as condicións

A secretaria nacional da CIG-Servizos, que estivo acompañada do delegado de persoal da CIG, indicou que se trata de retomar a folga que fora convocada con anterioridade e que permanecía suspendida despois de que Cespa renunciase a modificar as condicións de traballo.

Agora, as diferenzas entre dirección e representantes sindicais prodúcese porque a empresa négase aumentar conceptos como a de antigüidade e a avanzar na equiparación das condicións laborais do persoal coas dos traballadores/as que prestan servizo noutros concellos da zona. Puxo como exemplo que un peón en Vigo cobra 1200 euros ao mes, fronte aos 907 de Nigrán, polo que reclaman unha suba salarial até os 100 euros. No caso dos condutores/as sinalou que o incremento que demandan suporía pasar dos 950 euros actuais a 1050.

Neste senso, denunciou que a importante diferenza salarial non se reflicte no que os cidadáns pagan polo servizo, xa que no caso de Vigo abonan 86 euros e en Nigrán só 10 euros menos, “cando Vigo ten 568 traballadores/as e Nigrán unicamente 20”.

Tamén censurou o sistema de contratación no servizo nigranés, xa que a empresa ten un persoal contratado de xoves a domingo e outro de domingo a martes “porque deste xeito evita que os traballadores/as gocen de días libres e poidan cobrar os festivos”.

Finalmente, explicou que outras das reivindicacións pasa porque o persoal de verán que substitúe as vacacións traballe 90 días seguidos e que tres persoas que levan como fixas descontinuas dende hai tres anos a traballando unicamente nove meses ao ano “pasen a traballar todo o ano”.