Sin categoría

Vive Nigrán, un festival feito tamén para os máis pequenos

A fusión de música e experiencias ao aire libre fan de Vive Nigrán, coñecido tamén como o “picnic pop festival”, unha cita ineludible para os días 20 e 21 de xullo. A proposta festivaleira en Nigrán aposta por fomentar vivencias nas que gastronomía, paisaxe, mar, deporte e cultura son os grandes protagonistas. Cun privilexiado escenario, moi próximo á incrible Praia América, o benxamín dos Rías Baixas Fest deixará sen dúbida un bo sabor de boca a aquelas e aqueles que busquen un verán memorable.

A mellor música do panorama nacional, xunto con propostas do outro lado do charco como a arxentina Nathy Peluso, faise dona do antigo campo de fútbol de Lourido: Sidonie, Mueveloreina, The Limboos, Depedro, Esteban & Manuel, Bigott, Abraham Boba DJ Set (León Benavente) ou Las Odio son algunhas das propostas que farán mover irremediablemente os pés ás e os asistentes ou acabar coreando unha a unha todas as cancións dos seus artistas favoritos.

Unha experiencia global para todas as idades

Vive Nigrán parte do concepto de “picnic pop festival” para debuxar unha experiencia global na que a proposta musical únese a multitude de actividades ao aire libre para todos os públicos relacionadas co ámbito da cultura creativa: xogos e obradoiros para aprender de maneira divertida, foodtrucks que ofrecerán unha ampla oferta culinaria, un mercadillo con interesantes propostas creativas, sesións DJ para que a festa continúe ata que o corpo aguante, charlas, etc.

A filosofía do festival é que aquelas e aqueles que se trasladen no mes de xullo a Nigrán, en pleno Val Miñor e un dos destinos favoritos para o turismo nas Rías Baixas, poidan gozar intensamente da contorna independentemente da súa idade desde a mañá á noite, implicándose co territorio e as súas xentes e gozando da natureza á vez que se empapan de cultura e gozan dunha programación moi coidada con persoas artistas emerxentes e consagradas.

Vive Nigrán Jr.

Así, a organización preparou unha programación especial destinada aos máis pequenos, triplicando as do ano pasado, relacionadas ademais cos valores que se están promovendo no festival como é o caso do Medio Ambiente. O venres 20 de xullo poderán participar en tres actividades que se desenvolverán de 17:30 a 19:30 horas, un obradoiro de maquillaxe, un photocall e un obradoiro de chapas, todas elas impartidas por Cocofante.

Xa o sábado poderán gozar dun concerto infantil ofrecido por Alondra Bentley, que comezará ás 12:00 do mediodía no Escenario Rías Baixas. De 12:30 a 14:30 horas está convocado o concurso “Debuxa Nigrán”, e ao longo da xornada os obradoiros volverán ser os protagonistas. Haberá un de minipizzas e granizados de 12:30 a 13:30 e outro de reciclaxe e creatividade con vidro de 13:00 a 14:00, que se repetirá de 18:30 a 20:30, a cargo de Doppler e Ecovidrio respectivamente. Tamén se celebrarán de novo os obradoiros de maquillaxe (de 15:00 a 18:00) e chapas (de 18:30 a 20:30).

Viernes 20 de Xullo
17.30 a 19.30 h • OBRADOIRO DE MAQUILLAXE • (Dirixida por COCOFANTE. Patrocina DELEITE)
17.30 a 19.30 h • PHOTOCALL • (Dirixida por COCOFANTE. Patrocina DELEITE)
17.30 a 19.30 h • OBRADOIRO DE CHAPAS • (Dirixida por COCOFANTE. Patrocina DELEITE)

Sábado 21 de Xullo
12.00 • ALONDRA BENTLEY (Concerto infantil) • ESCENARIO TURISMO RÍAS BAIXAS
12.30 a 14.30 h • CONCURSO “DEBUXA NIGRÁN” (Dirixida por COCOFANTE. Patrocina DELEITE)
12.30 a 13.30 h • OBRADOIRO DE MINIPIZZAS E GRANIZADOS • (Dirixida por DOPPLER. Patrocina DELEITE)
13.00 a 14.00 h • OBRADOIRO DE RECICLAXE E CREATIVIDADE CON VIDRO • (Dirixida e patrocinada por ECOVIDRIO)
15.00 a 18.00 h • OBRADOIRO DE MAQUILLAXE (Dirixida por COCOFANTE. Patrocina DELEITE)
18.30 a 20.30 h • OBRADOIRO DE CHAPAS (Dirixida por COCOFANTE. Patrocina DELEITE)
18.30 a 20.30 h • OBRADOIRO DE RECICLAXE E CREATIVIDADE CON VIDRO • (Dirixida e patrocinada por ECOVIDRIO)