A contorna da praia de Os Frades recibiu un ano máis a miles de persoas que non quixeron perderse a quinta edición do Frades Sunset Festival, a cita coa música electrónica que xa é referencia en Galicia. Os asistentes puideron gozar nun lugar incomparable polas súas postas de sol de 12 horas de espectáculo con todas as mesturas posibles nos sintetizadores.
Dani Muñoz foi o encargado de abrir o evento. Seguíronlle djane percy e Ángel Vakeiro. Polo escenario situado aos pés de Monte Boi pasou despois o dúo baionés Ludwig Van Brothers, composto por Vince Stone e Rober Villar, e que deron paso ao videodeejay Ralph, que ofreceu unha sesión especial de dúas horas con videoclips remasterizados dos 80 e 90 adaptada a todos os gustos musicais do público.
Tomou a substitución Yaggo, que triunfa no panorama internacional da música electrónica. O DJ baionés participou en todas as edicións do festival e asesora ao Concello cada ano para configurar o cartel. Thomas Living deu paso ao prato forte da xornada, Wally López, un dos maiores expoñentes da música electrónica española. Groove Amigos foron os encargados de baixar o pano nunha noite na que non faltaron as gogós e as performances de Pablo Méndez e a axencia Big Lab.
Ao longo do Frades Sunset Festival os asistentes puideron gozar ademais de zona chill- out, servizo de barra e dunha apetitosa oferta gastronómica. Diferentes food-trucks ofreceron variadas viandas: hamburguesas, tacos, arepas, creps… unha infinidade de delicatessen nun marco incomparable cun son de fondo sen igual.
As Concellerías de Cultura e Turismo, organizadoras do evento, apostaron un ano máis pola fórmula dos máis prestixiosos festivais de praia do mundo ante o éxito alcanzado nas edicións pasadas. O festival contou coa colaboración de Aceba e varios locais de copas do municipio, todos unidos para poñer ritmo á vila.

