Dezanove núcleos de poboación integrados nas cinco parroquias que forman o Concello de Baiona dispoñerán de acceso a Internet de alta velocidade, grazas ás actuacións conxuntas que están a levar a cabo a Xunta e o Estado. Segundo explica a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, organismo dependente da Xunta, ambas as dúas administracións están a subvencionar a extensión da fibra en zonas brancas, isto é, aquelas nas que non existe cobertura dun mínimo de 30 Mbps.
Entre 2018 e 2020 a empresa Telefónica de España, S.A., como beneficiaria dunha subvención da Xunta de Galicia de 14,2 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), despregará redes ultrarrápidas en núcleos de toda Galicia, que posibilitarán servizos de acceso a internet de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica. Así no Concello de Baiona veranse beneficiados os seguintes núcleos: Cancelo, Caneiro e Rocamar, na parroquia de Baredo. En Eidos, Igrexa, Fontes e Laxes en Baíña. Medialdea e Urgal en Belesar. Area, Caeiro, Xuncal, Outeiro, Ponte Novo, Sabarís e Viso de Calvos na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa. Na parroquia de Santa María de Baiona San Antón, Percibilleira e Covaterreña. Con esta nova medida todas estas zonas terán cobertura de 100 Mbps.
O Estado, que é a administración competente en materia de telecomunicacións, e a Xunta, de forma complementaria, están a incentivar o despregamento de redes ultrarrápidas en zonas brancas, aquelas que non dispoñen dunha conexión a internet con estas velocidades e que non resultan rendibles para os operadores.
O Alcalde de Baiona, sinala que “se trata dunha gran noticia para os nosos veciños e veciñas xa que serán moitos os que se beneficiarán deste proxecto de conectividade que chegará a 19 núcleos de poboación do noso municipio. Todas estas zonas terán garantida a conexión a internet de alta velocidade, segura, sen cortes e con total garantía”.
Rodal tamén destacou a colaboración do Concello de Baiona coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia «no seu afán de garantir a extensión das redes de telecomunicacións de nova xeración”.

