Anuncios
Ticker de novas

“Debe traballarse na prehabilitación para reducir as secuelas dos tratamentos oncolóxicos”

O director médico do centro de talasoterapia de Talaso Atlántico, Salvador Ramos, analizou esta mañá, dentro do Curso de verán sobre oncoloxía integrativa, a importancia das terapias termais como aliadas nos coidados continuos e a atención integral das persoas enfermas de cancro. Segundo Ramos, este novo reto asistencial necesitará estratexias que axuden a estas persoas, principalmente, aos que sobreviviron á enfermidade ou se lles cronificou. Salvador Ramos, co-director do curso de verán, tamén se referiu á prehabilitación como terapia previa aos tratamentos oncolóxicos para reducir secuelas físicas e psicolóxicas. O director do centro de talasoterapia puxo como exemplo o programa que dirixe en Talaso Atlántico para persoas afectadas por cancro. Trátase dun plan de coidados continuos que complementa a asistencia recibida, guiando ao enfermo en como debe modificar comportamentos e adoptar hábitos que melloran a súa calidade de vida e a súa supervivencia.

Mañá, 19 de xullo, finaliza o IV Curso de verán de oncoloxía integrativa que acolle o Hotel Talaso Atlántico. Na sesión matutina analizarase a necesidade dunha atención máis humanitaria. Para iso, o curso contará coa presenza de Rosario García Campelo, oncóloga do Hospital da Coruña (CHUAC) e a de Carlos Gómez Zunzunegui, médico do servizo de medicina preventiva do Hospital Meixoeiro que centrará o seu relatorio na necesidade de coidar ao coidador. Durante esta última xornada tamén haberá sitio para a voz dos pacientes a través de representantes de diferentes asociacións, e a celebración dun fórum narrativo sobre a enfermidade e os pacientes no cinema e a literatura a cargo de Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, e Marisa Rodríguez Gigán, filóloga clásica.

Pola tarde, celebrarase unha mesa redonda sobre experiencias na que intervirán María Días, enfermeira do Instituto Portugués de Oncoloxía; Alba Taboada, enfermeira de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro; Nerea González Mouriño, especialista en nutrición, e Adriana Sieira, nutricionista-dietista.

Antes das conclusións finais do curso, a cargo dos seus co-directores, Salvador Ramos e Lourdes Vázquez; o seminario dedicará un espazo ao impacto do cancro na imaxe persoal e a estética reparadora a cargo de Loida Medicina Estética e de Lourdes Mourelle, experta en cosmética termal.

Anuncios