A Comisión de Festas de Parada organiza a primeira edición do Metal Fest

Lapsus Mentis.

A Comisión de Festas Santiago e Santa Ana de Parada organiza este sábado día 21 a primeira edición do Metal Fest. As bandas participantes neste evento serán Kuna de Odio, 2 Sisters e Lapsus Mentis. O concerto comezará ás 22:30 horas e vaise celebrar no torreiro vello da parroquia. A organización entregará un vale por cada consumición, para entrar no sorteo dunha guitarra eléctrica, que se realizará esa mesma noite.

Kuna de Odio

Banda formada en Vigo no ano 2012. Despois de varios cambios na batería, dende 2017 está formada por Javi Metal (voz), Mon e Raúl (guitarras), Rubén (baixo) e Fory (batería). Eles mesmos definen o seu estilo como death de sanación e meditación. No seu haber contan cun E.P. gravado en 2015 titulado “A Hostias”.

2 Sisters

Banda de groove metal que se caracteriza polos seus ritmos enérxicos e contundentes, mesturados con percusións, afinacións graves e voces guturais. Contan cunha rechamante posta en escena, e participaron no festival Derrame Rock. O seu primeiro disco “The devastating clock” foi gravado nos Estudios Sadman de Madrid, e na actualidade a banda está composta por Jonathan, Robbie, Lukas, Dani de Viria e Adrián.

Lapsus Mentis

Grupo de Vigo formado en 2010 por Donis, Judas, Brais e Aarón, influenciados polo thrash metal dos 80. No 2011 gravaron o seu primeiro tema “Sicario” nos estudios Mafia Records de Ourense. O 15 de abril publicaron o seu disco “Traición a la verdad” e os seus temas son unha crítica á sociedade actual.