Sin categoría

“O que teñen en común todos os cancros é o sufrimento e iso debe explicarse na facultade”

Francisco Barón Duarte, oncólogo do Complexo Hospitalario da Coruña, CHUAC; e experto en coidados paliativos, sinalou esta mañá no Curso de verán de oncoloxía integrativa, que “o que teñen en común todos os cancros é o sufrimento e iso deberíase explicar na facultade”. Barón Duarte forma parte da corrente de oncólogos preocupados pola realidade de cada paciente e avoga por un circuíto adaptado á fraxilidade de cada enfermo. “Non é o mesmo unha señora que vive no centro dunha cidade rodeada de tres xeracións que unha que vive soa na Costa da Morte”. Tamén indicou que un oncólogo non debe dicir nunca “non hai nada que facer”, precisamente, segundo Barón Duarte, neses momentos, é cando hai máis que facer polo paciente.

O IV curso de verán sobre oncoloxía integrativa organizado pola Universidade de Santiago e Talaso Atlántico continúa mañá mércores, 18 de xullo, centrado durante a sesión matinal, na atención integral dos pacientes con cancro. A xornada comezará cunha mesa redonda na que estarán presentes José Barcia, especialista en exercicio físico e psicólogo, e Antonio Chamoro, coordinador de fisioterapia e terapia ocupacional do Hospital Álvaro Cunqueiro. Nesta xornada analizarase outra das pezas craves para alcanzar a atención integral: a enfermería. Para falar deste asunto, intervirá no curso María Antonia Muñoz Mella, directora de enfermería e calidade asistencial do Hospital Povisa. A sesión matutina da mañá completarase coa intervención de Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, que falará do centro termal como modelo de coidados continuos e atención integral; e a mesa redonda na que intervirá Lourdes Vázquez, profesora da área de Nutrición e Bromatología da USC, e Matilde Moura, profesora do departamento de Educación Física e Deporte da Universidade de Sevilla.

Pola tarde, celebraranse obradoiros sobre a marcha nórdica, a cargo de Matilde Mora; hidrocinesioterapia, a cargo de Elena Villacieros, de Talaso Atlántico, e cociña atlántica onco-saudable, a cargo de Javier Fins, chef do restaurante Faro do Talaso Atlántico, e Nicolás Pidrafita, especialista en nutrición.