Inscricións abertas para participar nas masterclasses do XII Festival Nigranjazz

O Festival Nigranjazz ofrece este ano dúas clases maxistrais a cargo de dous dos guitarristas de jazz máis relevantes da súa xeración: Peter Bernstein e Jesse Van Ruller. As clases están abertas a calquera instrumentista pero especialmente recomendadas para guitarristas.

O venres 27 contarán con Peter Bernstein, sen dúbida un dos nomes propios da guitarra jazz no último cuarto de século, dono dun son inconfundible e dun fraseo herdado dos grandes clásicos coma Wes Montgomery, Jim Hall, Grant Green. Peter é un dos músicos máis solicitados e respectados dentro do Jazz internacional e ten traballado con Sonny Rollins, Brad Mehldau, Joshua Redman, Lee Konitz, Lou Donaldson, Dr. Lonnie Smith… Ademais de ter una prolífica e brillante carreira coma líder e ao fronte tamén do trío coliderado con Larry Goldings e Bill Stewart, o mellor trío de órgano da última década segundo o New York Times.

O sábado 28 tomará a palestra Jesse Van Ruller, o guitarrista holandés é probablemente un dos músicos europeos máis recoñecidos na escena americana, foi o primeiro europeo en gañar a prestixiosa Thelonious Monk Competition. É dono tamén dun son e un estilo inconfundible fortemente ancorado na tradición da guitarra jazz. Ten gravado e tocado con músicos coma Tom Harrell, Clarence Penn, Sam Yahel, Seamus Blake, Bill Stewart… Ten xa una longa e brillante carreira coma líder ou coliderando proxectos coma Chamber Tones.

As clases terán lugar no Auditorio do Concello (Praza da Constitución s/n) o venres 27 e sábado 28 de xullo entre as 12:30 e 14:00 horas. O prezo das masterclasses será de 15 € por unha soa ou 20 € polas dúas, a abonar no día das clases no propio Auditorio do Concello. A inscrición pode realizarse en info@folque.com. Máis información no teléfono 986 365 000.

Anuncios