Tres ouros, unha prata e un bronce para o CPA Gondomar no Campionato Provincial

O Pavillón do CEIP Souto-Doas en Gondomar albergou este sábado o Campionato Provincial das categorías Benxamín, Alevín e Infantil na modalidade libre de Patinaxe Artística. Baixo a organización do CPA Gondomar, contou con 24 inscritos, entre os que se atopaban catro patinadoras e un patinador do club local, adestrados por David Figueroa, e que se desmarcaron con forza, subindo todos eles ao podio.

Cunha mostra de poderío impactante expuxeron os seus programas ao público miñorano, que puido gozar deste deporte que cada día progresa con máis intensidade. O gran adestramento diario, a constancia e a paixón pola patinaxe son características innatas nestes deportistas que este sábado conseguiron un avance máis na súa carreira deportiva.

Joel Ribeiro Díaz e Lola Álvarez Romeu fixéronse co ouro na categoría Alevín, na que Sara Ferreira Lechugase levou a prata e Ainhoa Vidal Touriño o bronce. Sofía Costas Ibarra conseguiu a medalla de ouro en Infantil. Os trofeos foron entregados polo alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, que estivo acompañado polas concelleiras Nuria Lameiro e Iria Lamas, como broche de ouro para un evento cheo de patinadores e patinadoras con programas de patinaxe artística de gran dificultade técnica e coreográfica.