Decenas de embarcacións acompañan á Virxe do Carme pola baía de Baiona

Baiona celebra este fin de semana as festas na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Desde o venres, veciños e visitantes poden gozar de verbenas, pasarrúas e a gran tirada de lumes de lucería, ademais das atraccións e postos instalados no Parque da Palma e no Paseo Ribeira.

Este domingo tivo lugar unha Ofrenda Floral Marítima organizada pola Comisión de Festas, debido a que a Confraría de Pescadores “La Anunciada” atópase nestes momentos sen órganos de goberno, polo que este ano non se celebraron os habituais actos na zona portuaria da Vila, tales como a Misa de Campaña, o recoñecemento ao mariñeiro e mariñeira de máis idade, a Danza das Espadas e a procesión marítima.

Ás 18:00 horas a imaxe da Virxe do Carme saíu desde a Capela da Misericordia ata o peirao, para acto seguido facer o percorrido habitual pola baía de Baiona, acompañada por decenas de embarcacións. Xa fronte ás costas de Monte Boi, procedeuse á ofrenda floral, non só polos mariñeiros, senón por todo aquel que faleceu no mar, na que participaron membros da Comisión, o párroco de Santa María, Manuel Salcidos, o alcalde, Ángel Rodal, e o presidente de Aceba, Marcos Comesaña.

O luns poñerase fin aos actos dedicados á patroa dos mariñeiros coa celebración da Misa Solemne na Ex Colexiata ás 20:00 horas cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”. A continuación sairá a procesión acompañada pola Banda de Música de Baiona e antes de recollerse, bailarase a Danza das Espadas en Santa Liberata. Pola noite, a orquestra Capitol amenizará a verbena fin de festa.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Anuncios