Baiona traballa na mellora do transporte co CUVI, o Cunqueiro e as parroquias

Mellorar a conexión en autobús co Campus Universitario de Vigo, co Hospital Álvaro Cunqueiro e a comunicación entre as distintas parroquias que integran o municipio co centro urbano. Son tres obxectivos nos que o goberno baionés está a traballar, aproveitando o marco que brinda o proceso de configuración do novo Plan de Transporte Público de Galicia, que pretende incidir en adaptar o transporte colectivo ás necesidades reais de mobilidade dos veciños.

Estas foron as principais cuestións que o rexedor baionés, Ángel Rodal, e o Concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, José Ángel Bahamonde, puxeron sobre a mesa na reunión co Xefe do Servizo de Mobilidade de Pontevedra, José Jorge Martínez Fernández, e con responsables da consultora que vai preparar o proxecto, celebrada este venres. Rodal concretou que “as aspiracións de Baiona neste punto céntranse en seguir mellorando a comunicación coa coidade de Vigo, co CUVI, co Hospital Álvaro Cunqueiro e en facilitar aos veciños das parroquias a posibilidade de acceder aos servizos do centro urbano dun modo fácil e áxil”.

Incide o alcalde que “a posta en marcha da nova Lei de Transporte de Galicia este é o momento de configurar un novo mapa de transporte público no que se aposte por un transporte que se adapte ás necesidades e ao século XXI tanto en horarios e frecuencias como nos propios autobuses». Neste contexto, avogou o primeiro edil porque Baiona aproveite este momento para liquidar a necesidade de mellorar a mobilidade, a través do transporte público, dos veciños que residen no ámbito rural.

Rodal e Bahamonde tamén expuxeron a necesidade dunha mellor conexión e o percorrido en autobús co centro de Vigo; incremento de horarios de ida e volta, tanto en xornadas laborables como en fins de semana, incremento do número de paradas, a mellora de marquesiñas e o acceso á información en tempo real (por exemplo relativa a horarios e paradas na ruta) son algunhas das cuestións nas que o alcalde baionés estimou que se podería actuar á hora de mellorar a conexión en autobús entre Baiona e Vigo.

O Alcalde de Baiona tamén destacou que “desde hai pouco máis de tres anos o servizo mellorou notablemente a través do ingreso de Baiona na área de transporte metropolitano de Vigo, co consecuente abaratamento do billete, a gratuíta para os menores de 18 anos con tarxeta, a mellora da conexión”. Augurou, con todo, que a finais de 2019 producirase un «cambio radical no transporte público galego do que Baiona será parte fundamental”. Tras esta primeira reunión, o Alcalde reunirase co resto da corporación municipal para que expoñan as súas achegas e deste xeito entre todos facer o mellor plan de transporte para Baiona.