Paralizadas as obras de abastecemento a Parada pola demora dos permisos de patrimonio

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

A empresa adxudicataria das obras de abastecemento de auga á parroquia de Parada, Covsa, comunicou ao Concello de Nigrán a semana pasada a necesidade de paralizar as mesmas ante a demora dos correspondentes permisos da Dirección Xeral de Patrimonio para construír o depósito no monte Eiró. Os traballos comezaron en decembro e contan cun prazo de execución de 6 meses, tempo que a construtora pide agora suspender ata non obter as autorizacións.

«Levamos tempo agardando a que dende a Xunta fagan as correspondentes catas arqueolóxicas no monte Eiró, pedímoslle a maior dilixencia e axilidade para levar adiante este proxecto clave para a parroquia de Parada», insiste o alcalde, quen lamenta que «non se trata da única obra nesta situación». Así, dende o Concello estase aínda á espera dos permisos de Patrimonio para poder emprender un plan de asfaltado en diferentes estradas municipais, para remodelar a Praza do Torreiro de Parada ou para iluminar o barrio da Igrexa en Chandebrito. «En todos estes casos só estamos esperando o seu permiso, así é moi complicado que os proxectos saían adiante e en prazo, sirva de exemplo que para restaurar o cruceiro da ponte de A Ramallosa foi necesario un ano enteiro» , explica.

O goberno local considera urxente e prioritario levar o abastecemento de auga a Parada antes do verán, por iso no pleno do pasado mes de xullo decidiu asumir o custo das obras con cargo ao remanente de Tesourería tras ter revocado a Xunta unilateralmente o convenio (en contra de toda a corporación). O obxectivo é levar a auga a Parada polo barrio de A Carrasca para dar servizo aos barrios de Carrasca, Laxe, Tinde ou Igrexa, xa que Aqualia e Concello están ultimando o proxecto que a leva a unha parte desta parroquia e de Camos a través de Nandín. Esta ampliación da rede de abastecemento beneficiará a preto de mil veciños residentes no entorno (na parroquia actualmente se fornecen mediante pozos ou traídas comunais). «O primordial é que se fagan as obras urxentemente, hai que ter en conta que estamos nunha situación de sequía que se pode agravar máis aínda no verán, secando os pozos tradicionais dos que actualmente se abastecen os veciños,», explica González.

A obra consiste en ampliar a rede de abastecemento mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 (situado no monte Eiró) e dende onde se dará servizo ás vivendas da zona. Actualmente xa está instalada a tubaxe de impulsión e de distribución, agás na ponte sobre a autoestrada e na zona próxima a Eiró debido precisamente a esta afección de Patrimonio. Por outra banda, executouse a práctica totalidade da obra civil do depósito de bombeo e realizouse a reposición de pavimento. Sen embargo, agora non se pode iniciar a execución da obra nesta zona do depósito debido á falla de autorización do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Por outro lado, o Concello de Nigrán está pendente dos diferentes informes sectoriais para iniciar as obras que levarán o abastecemento aos barrios de Nandín, Igrexa, A Rúa, Con e A Reboreda e que beneficiarán tamén á parroquia de Camos (barrios de O Castelo, A Lama e O Rial) e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332 (rúa dos Pazos). En total, máis de mil veciños se beneficiarán desta actuación que conta cun orzamento de 374.809,48 euros e que será financiada integramente pola empresa concesionaria Aqualia froito dun acordo co Concello. As obras previstas inclúen a súa posta en marcha xunto á instalación dunha nova canalización, un bombeo e un depósito.

2017-04-18 - IMG_2506