Anuncios
Ticker de novas

Nigrán conmemora os 9 meses tras os incendios coa iniciativa artística “Arte no Queimado”

O Concello de Nigrán conmemora os 9 meses tras os incendios do 15 de outubro na comarca cun gran evento este domingo na Ramallosa (Alameda de San Campio) a cargo da corrente artística “Arte no Queimado”, xurdida precisamente a raíz do fatídico lume. Na iniciativa participan a Comunidade de Montes de Camos e Chandebrito, a Asociación Veciñal “O Castro” de Chandebrito e Coruxo Arte. “Trátase dunha gran xornada lúdica e educativa na que buscamos non perder a memoria do acontecido e concienciarnos todos do desastre absoluto que supoñen os incendios”, reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.

O promotor deste novo colectivo artístico, o escultor Juan Coruxo, iniciou hoxe xunto aos seus compañeiros Remigio Dávila e Rosendo González a talla de cinco árbores secos e que están situados na Alameda de San Campio. O obxectivo é que durante o domingo rematen o traballo como parte fundamental da celebración da xornada “Arte no Queimado”, que reunirá a preto dunha vintena de artistas (fundamentalmente pintores e escultores) traballando en vivo na Alameda de San Campio con material procedente maioritariamente dos lumes de outubro. Ademais, durante todo este día haberá obradoiros infantís e, pola tarde, de 20.00 a 21.00 horas, un “Pasarrúas Máxico” a cargo da compañía A Illa dos nenos, que conxuga a maxia e o circo para crear un mundo fantástico cheo de ilusións e sorrisos. Dous magos acompañados de dous zancudos serán os encargados de marabillar ao público que atopen ao seu paso polo paseo da Foz ata chegar á Alameda, onde realizarán un gran espectáculo conxunto. O punto e final á xornada de “Arte no Queimado” o poñerá ás 21:00 horas o acordeonista de Priegue Roberto Comesaña, gañador dun Grammy no ano 2016 co tema “Cabaliño” xunto a Cristina Pato, Anxo Pintos e Davide Salvado; amén de sumar outros destacados recoñecementos na súa importante traxectoria (foi tamén Primeiro Premio no certame Nacional de acordeón, na categoría de música popular, no ano 2009).

Anuncios