Anuncios
Ticker de novas

Nigrán ofrece este sábado en Praia América o segundo festival “Midnight Paint Party”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Midnight Paint Party en Praia América.

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 14 de xullo unha proposta de ocio destinada ao público máis xuvenil e animado e tamén ás familias: a “Nigrán Paint Party” ou Festival da Pintura, un concepto novo de diversión nacido en Ibiza que combinará durante todo o día a música electrónica en directo con choiva de pintura, espectáculo pirotécnico, efectos visuais, animación, megatrón… O evento, con sesión infantil gratuíta de 12:00 a 14:00 horas e para maiores de 16 anos de 15:00 a 23:00 horas, está previsto para preto de 3.000 persoas e terá lugar en 1.500 m2 da zona de aparcadoiro de Praia América-Lourido. As entradas están á venda dende 10 euros en Woutick.

“Trátase dun evento moi animado que na súa estrea o ano pasado en Nigrán atraeu a milleiros de persoas que gozaron nun ambiente saudable e divertido. Terán cabida as familias completas porque pola mañá, e de xeito gratuíto, haberá unha sesión para os cativos de 12:00 a 14:00 horas”, destaca o alcalde, Juan González.

A “Midnight Nigrán Paint Party” é unha experiencia completa onde o público, ademais de empaparse de máis de 2.000 litros de pintura totalmente ecolóxica, baila con DJ’s nacionais e internacionais de primeiro nivel, goza de actuacións en directo, animación, espectáculo pirotécnico… A pintura, a gran protagonista, dispénsase desde oito canóns xunto ao macroescenario, dúas bombas con mangueira e caldeiros.

“A marca ‘Midnight’ é un referente mundial neste tipo de eventos realizándoos por todo o país e acadando o recoñecemento por todo o planeta con residencias como Privilege Ibiza (a discoteca máis grande do mundo) ou Pacha La Pineda, a marca actual máis importante de ocio nocturno”, engade André Vázquez dende a organización.

Os menores de idade (16 e 17 anos) que desexen acudir á sesión de 15:00 a 23:00 horas deberán presentar á entrada do festival unha autorización dos pais ou titores que poden descargar no link http://bit.ly/Autorizacion-Paint.

Anuncios