Panxón acolle a 79ª Ofrenda Nacional do Mar

FOTO: PEPE COSTAS // Ofrenda Nacional do Mar en Panxón.

O vindeiro sábado, día 14 de xullo, celebrarase a xa tradicional Ofrenda Nacional do Mar en Panxón, no marco incomparable do Templo Votivo do Mar, obra do insigne arquitecto porriñés Antonio Palacios Ramilo. Este ano cumpre a súa 79ª edición, organizada polo Apostolado do Mar e a Parroquia de San Xoán de Panxón. A Eucaristía, que comezará ás 20:00 horas, estará presidida por Don Luis Quinteiro Fiuza, Bispo da Diocese de Tui-Vigo, e á vez, Bispo Promotor do Apostolado do Mar, e finalizará coa bendición do mar e a oración polos falecidos nel, así como os membros e familias de quen ten na mar a súa profesión, a súa afección e as súas esperanzas.

Nesta ocasión correspóndelle a Ofrenda á Armada Española, e será o oferente o Comandante Naval de Vigo, Carlos Cárdenas Crespo, acompañado do Comandante Director da Escola Naval Militar de Marín, que cumpre 75 anos de vida. Este ano contarán tamén, tras moitos anos, coa presenza da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, así como coa presenza de garda mariños, que portarán o Palio para a Bendición do Mar. Tamén estará presente unha unidade da Armada Española e o Patrulleiro Mahón, que fondeará no porto de Panxón. Está confirmada representación da Armada e das outras tres mariñas.