Sin categoría

Gondomar convoca o terceiro concurso de decoración de vehículos polo San Cristovo

O Concello de Gondomar, a través da Concellería de Turismo e Comercio, organiza o vindeiro martes, 10 de xullo, a terceira edición do Concurso de Embelecemento de Vehículos da Caravana de San Cristovo. As persoas que desexen participar só teñen que achegarse a Couso, lugar dende onde comezará o percorrido da caravana, o mesmo martes, ás 11:30 horas.

Como na pasada edición, o xurado, composto por profesionais da decoración e pola técnica de Turismo do Concello de Gondomar, valorará a orixinalidade, o emprego de adornos, a combinación de cores e a harmonía decorativa. Nesta edición, os vehículos participantes dividiranse en catro categorías, vehículos pesados, vehículos de ata 3.500 quilos, turismos e motos, xa que, como novidade, estas últimas poderán tamén participar no concurso.

A entrega de premios desenvolverase ás 14:00 horas na Praza do Concello. As propietarias e propietarios dos vehículos gañadores poderán obter dende vales para alimentación ou materiais de construción ata vales de combustible ou cambios de aceite en talleres do Concello.