Unha quincena de mozos e mozas aprenden a programar videoxogos en Gondomar

15 mozos e mozas de 12 a 17 anos participaron no obradoiro de programación de videoxogos organizado do 25 ao 29 de xuño pola Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar. O alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Xuventude, Nuria Lameiro, fixéronlles entrega dos diplomas que acreditan a súa asistencia.

Con esta iniciativa a Concellería de Xuventude quere achegar á mocidade a aprendizaxe das bases da programación dunha maneira lúdica e sinxela, coa motivación de inicialos e familiarizalos cunha ferramenta imprescindible para o seu futuro. Aprenderon a pensar con creatividade, a traballar en colaboración e a razoar sistematicamente.