A Concellería de Deportes de Gondomar e o Cereixa Gondomar FS organizan o Torneo de Fútbol Sala San Bieito VI Trofeo Concello de Gondomar. A competición comezará o 9 de xullo ás 20:30 horas no Pavillón de Deportes Municipal e celebrarase en dúas fases, preliminar e final. A primeira xogarana todos os equipos ata o día 13 e a segunda (cuartos, semifinal e final) será o 14 de xullo a partir das 15:00 horas.
Este ano o torneo disputarano 16 equipos da comarca e a súa contorna, repartidos en catro grupos e xogándose en sistema de liguiña entre eles, clasificándose os dous primeiros de cada grupo para a fase final. Recibirán trofeos e premios os catro primeiros equipos clasificados, ademais do equipo máximo goleador, o menos goleado e á deportividade.
A entrega dos premios e trofeos terá lugar o día 14 de xullo ás 20:30 horas, unha vez concluída a final.

