Chandebrito crea unha zona de descanso con 48 árbores autóctonas para lembrar os incendios de outubro

Unha vintena de veciños e veciñas de todas as idades participaron este mércores na creación do Bosque da Memoria en Chandebrito, unha área de descanso e interpretación ao aire libre que estará integrada por un total de 48 árbores autóctonas, plantadas hoxe, 8 de cada unha das seis especies elixidas: acivros, abeleiras, castiñeiros, cerdeiras, sobreiras e carballos. Trátase dunha iniciativa da asociación Galicia Ambiental a través do seu proxecto “Árbores de Cinza”, en colaboración coa Fundación C&A, desenvolvida xunto coa Comunidade de Montes en Man Común de Chandebrito e a Asociación de Veciños “O Castro”.

A plantación dos seis pequenos bosques, un por cada especie, na que tamén participou o alcalde de Nigrán, Juan González, o concelleiro Diego Moreira e o presidente dos comuneiros, Víctor Vidal, compleméntase coa instalación de paneis informativos dirixidos a escolares e visitantes. Esta sinalización inclúe unha breve descrición do proxecto co que se contribuíu á plantación de árbores para rexenerar os bosques arrasados polos incendios de outubro. No seu afán divulgador, estes paneis conteñen información sobre as especies autóctonas utilizadas na repoboación, coa intención de dar a coñecer entre a poboación estas árbores típicas destas latitudes.

Segundo avanzou a asociación Galicia Ambiental, o Bosque da Memoria, coa súa área de descanso, será inaugurado o próximo 10 de agosto.

Próximas accións de “Árbores de Cinza”

Outra das accións previstas para os próximos meses baixo o paraugas de “Árbores de Cinza” centrarase en proxectos de sensibilización ambiental en centros escolares de toda España. Unha destas propostas arranca coa convocatoria dun programa de formación dirixido a mulleres censadas en Chandebrito que serán as encargadas de dar a coñecer durante o curso escolar 2018/19 nos colexios a problemática dos incendios explicada “de primeira man”. Unha proposta para a que contarán, previamente, co asesoramento e formación de expertos forestais e de comunicación da asociación Galicia Ambiental.

Unha iniciativa coa que os escolares galegos poderán coñecer de primeira man as consecuencias dos lumes forestais a través dos testemuños de veciñas que os viviron en primeira persoa. Ademais, estas experiencias permitirán aos mozos coñecer alternativas sustentables mediante a recuperación de árbores autóctonas cos que reducir a incidencia dos lumes forestais.

Esta acción culminará en outubro, coa publicación dun “libro – aniversario” do incendio que arrasou os seus vales e montes o pasado ano e a entrega de diñeiro para a compra de centenares de árbores que serán plantados en marzo/abril de 2019 como colofón á serie de accións e colaboracións con esta parroquia pontevedresa que simbolizará para sempre a capacidade de repoñerse aprendendo leccións prácticas dunha gran catástrofe.

Anuncios